DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un seminario internacional reúne no campus a especialistas de diferentes países 

Como combater, desde o dereito, a precariedade dos autónomos na era dixital?

O evento insírese nun proxecto de investigación sobre as transformacións laborais na nova economía

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 14/11/2019

A nova economía, baseada na reformulación dos procesos de produción e consumo á luz dos avances dixitais, trouxo consigo un tipo de traballador autónomo caracterizado por unha maior vulnerabilidade e precariedade. Este é o punto de partida dun subproxecto de investigación sobre o traballo autónomo na era dixital, coordinado polo catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo Jaime Cabeza e inserido á súa vez nun proxecto financiado polo Ministerio de Economía, Industria y Competitividad no que participan as universidades de Vigo, Sevilla, País Vasco e Valencia. Co propósito de abordar “desde a perspectiva dos dereitos humanos”, como explica Cabeza, os cambios legais necesarios para dotar dunha maior protección a estes traballadores e traballadoras, preto de 50 expertos e expertas de universidades de España, Italia, Irlanda e Francia participan, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no seminario internacional O traballo na nova economía.

Inserido neste proxecto de investigación, este seminario ten como punto de partida falar “da nova economía como un escenario que profundou en problemas que xa existían de antes, pero que agora se fan moito máis intensos”, como sinalou Cabeza na inauguración do foro que coordina xunto coa profesora Emma Rodríguez. O acto contou tamén coa participación do vicerreitor do campus Jorge Soto, quen incidiu na importancia de reunir a esta serie de expertos e expertas para abordar “como vai ser o novo tecido de relacións entre os empresarios e diferentes colectivos”. 

Autónomos “que non escolleron ser autónomos”

“A nosa hipótese de traballo é que, no mundo da nova economía, as prestacións de servizos son cada vez máis precarias e vulnerables”, salienta Cabeza, vicepresidente da Asociación Española de Derecho del Trabajo y la Seguridad Social. Nese senso, o subproxecto que centra este seminario busca pór o foco en como, na sociedade dixital, a figura do autónomo non se corresponde “coa idea do profesional ou o comerciante coa que o identificabamos hai anos”, senón que engloba múltiples perfís profesionais que, valéndose por exemplo das plataformas dixitais, realizan unha prestación de servizo marcada pola vulnerabilidade, “porque a súa capacidade de decisión é nula no mercado de servizos”. Trátase de profesionais, “que non escolleron voluntariamente ser autónomos”, senón que son resultado dun modelo económico “no que podes contratar a alguén por dez minutos en calquera parte do mundo”, apunta Cabeza. Fronte a esta realidade, o proxecto busca analizar como poden garantirse “os dereitos máis elementais” deste colectivo, como “o dereito á liberdade sindical, ao conflito colectivo, a unha retribución digna, á limitación do tempo de trabalo ou o dereito á seguridade e a saúde no traballo”.

Xunto a Cabeza e Rodríguez, os tamén investigadores da institución viguesa Alexandre Pazos, Marta Fernández, Alberto Vaquero, María Belén Fernández e Nora Martínez, e os profesores Alberto Levi, da Università de Modena e Reggio Emilia; Michael Doherty; da Maynooth University irlandesa; e Risa Lieberwitz, da Cornell University estadounidense, forman parte do grupo de traballo encargado da que é unha das catro liñas dun proxecto de investigación coordinado. Co catedrático da Universidad de Sevilla, Jesús Cruz como investigador principal, neste proxecto insírese outros tres subproxectos, un de carácter máis xeral, coordinado por Sevilla, e os centrados no traballo subordinado e no emprego público, que coordinan, respectivamente, as profesoras Montse Agís, da Universidad de Valencia, e Edurne Terradillos, da UPV.

A “esaxerada flexibilidade” no acceso ao traballo

Entre as e os participantes neste seminario figura a asesora do Ministerio de Traballo, Solidariedade e Seguridade Social de Portugal e ex-presidenta do Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de Nacións Unidas, Virgínia Brás. Abordar en como as “novas formas contractuais, nas que o vínculo traballador-empregador é moi débil” influíron nos “dereitos no traballo” foi un dos obxectivos centrais da intervención de Brás Gomes, que formou parte durante 14 anos deste comité da ONU. “Atopo que existe unha esaxerada flexibilidade no acceso ao traballo e nos dereitos no traballo, que non teñen a correspondente protección”, recoñeceu esta experta, que incidiu tamén nos “moi nocivos” efectos que este novo modelo implicará “a longo prazo, por exemplo, na seguridade social”. Abordar esta problemática desde “a perspectiva dos dereitos humanos”, implica facelo tamén desde “a perspectiva das obrigas dos estados”, que, ao seu xuízo, “non están a acompañar coa mesma velocidade” os cambios que se están a producir no modelo económico coas reformas que permitan “garantir a non discriminación, a igualdade de oportunidades no aceso ao emprego”, ou o propio “dereito á seguridade e á saúde” dos traballadores e traballadoras. 

Dous días para o debate

A profesora da Università degli studi de Brescia Marzia Barbera foi a encargada da conferencia inaugural do seminario, que centrou nos factores de precariedade que caracterizan a día hoxe o traballo autónomo. “É precario na súa remuneración, precario porque están sometidos a un control moi indirecto e precario no relativo á tutela” dos seus dereitos, salientou esta experta. Nese senso, Barbera abordou casos como o dos rider, “que son considerados na maioría dos países como traballadores autónomos”, pero cuxa prestación "é controlada por un algoritmo” na plataforma para que operan, de tal xeito que aínda que si ben eles teñen a “liberdade formal” de prestar ou non un servizo, “se non respondes á chamada dúas ou tres veces, o algoritmo decide que non chaman máis”.

A situación do traballo por conta propia na nova economía foi tamén abordado nesta xornada por Doherty, Levi, Nora Martínez e o catedrático Julio Costas. A presentación de máis de 20 comunicacións e a conferencia de Virgínia Brás completan a primeira xornada dun seminario que este venres abordará a situación do traballo autónomo “desde a perspectiva da economía”, como apunta Cabeza, á vez que se abordará tamén, na mesa de clausura, a protección de datos na nova economía.