DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante a demanda, a organización incluíu os máis de 20 equipos que quedaran en lista de agarda

A Competición de Robots da EEI cubriu as 156 prazas ofertadas na primeira semana do prazo de inscrición 

Máis de 1000 estudantes, dos que un 40% son rapazas, participarán na 6ª edición da proba 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantes
Mª del Camen Echevarría DUVI 20/02/2020

A Competición de Robots da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo segue a superarse a si mesma e tras cinco anos conseguiu cubrir na primeira semana do prazo de inscrición para participar na vindeira edición as 156 prazas ofertadas. Non obstante, ante a gran demanda rexistrada a organización da proba decidiu incluír os máis 20 equipos que quedaran en lista de agarda, co que a cifra total de equipos ascende a 190, o que se traduce en máis de 1000 estudantes, dos que un 40% son rapazas, de centros de ESO, Bacharelato e universidade, de toda Galicia. A competición celebrarase o 24 de abril e na súa sexta edición estreará novas categorías: BE-ROBOT para estudantado de ESO e Bacharelato, en substitución de WALL-e, e DeMO-ROBOT, para alumnado de graos e FP, que toma a remuda á categoría R2D2. Ademais, nesta edición a competición, organizada pola EEI en colaboración coa Rama de Estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) e a Sección de Estudantes da International Society of Automation (ISA), contará con novas probas e novo kit, se ben, os participantes que o desexen poderán competir co de edicións anteriores.

“A valoración non pode ser máis positiva e non por o feito de pechar as prazas antes do remate do período de inscrición, que tamén é un reflexo do interese que esperta co concurso, senón por ter de novo a posibilidade de compartir unha xornada chea de ilusións, retos e experiencias na que os rapaces e rapazas son os protagonistas”, sinala Juan Pardo, director da EEI respecto da competición, que ten o obxectivo de achegar a Universidade de Vigo ao alumnado de ESO e Bacharelato e fomentar o interese do estudantado polas disciplinas STEM e máis especificamente polos estudos de enxeñaría.

Novos retos loxísticos para dar cabida a todos os equipos

A decisión de incluír os 20 equipos que quedaran en lista de agardar unha vez cubertas as 156 prazas inicialmente ofertadas para participar na competición, obriga á organización a incrementar o número de tapices para poder desenvolver as probas e evitar saturacións de equipos. Así, nesta sexta edición habilitaranse un total de 15 tapices para as probas da categoría BE-ROBOT, na que se inscribiron un total de 118 equipos con estudantado de 1ª a 4ª da ESO e outros 60 equipos de alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. “Para a nosa escola é tamén un reto ser quen de dar resposta ás expectativas que percibimos nas consultas que ano tras ano recibimos por parte dos responsables dos institutos e centros. Así mesmo, tamén quero subliñar a fidelidade que amosan a gran maioría dos centros, que repiten a súa participación despois de xa cinco edicións anteriores”, destaca o director da EEI.

En canto á participación por provincias será semellante á de edicións anteriores, repartíndose de forma maioritaria entre as provincias de Pontevedra (preto do 70%) e A Coruña (24%), correspondendo o resto a centros de Lugo e Ourense.