DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Asociación de Historiadores da Comunicación e as tres universidades galegas

Un congreso internacional para comezar a escribir a historia da comunicación dixital

Os efectos da revolución tecnolóxica centran o evento que terá lugar en setembro en Santiago

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 14/06/2019

A revolución tecnolóxica da comunicación en perspectiva: historia dos novos medios dixitais, os novos medios na historia é o título do XVI Congreso Internacional da Asociación de Historiadores da Comunicación (AHC), que, baixo a organización desta asociación e das tres universidades galegas, desenvolverase o 26 e 27 de setembro en Santiago de Compostela. Analizar desde unha perspectiva histórica o cambio de paradigma que no eido da comunicación supuxeron as novas tecnoloxías dixitais constitúe o obxectivo central dun foro no que a organización prevé reunir máis de 150 expertos e investigadores de varios países europeos e iberoamericanos. 

“Escolleuse este tema porque ata agora non hai unha bibliografía que aborde este fenómeno cunha perspectiva histórica”, salienta o profesor da Universidade de Vigo Alberto Pena, responsable da coordinación deste congreso xunto ao catedrático da USC Xosé López e o presidente da AHC  e catedrático da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona, Jaume Gillamet. “Pareceunos o momento de facer unha breve historia do que vén acontecendo nos últimos anos, do cambio de paradigma que significaron as novas tecnoloxías para a comunicación dixital”, engade este docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. 

Situar esta revolución no contexto da historia

Reflexionar sobre os cambios históricos que as novas tecnoloxías dixitais supuxeron “tanto nos medios informativos como nas mensaxes de tipo comercial ou publicitario” constitúe un dos propósitos centrais deste congreso internacional, que porá o foco de análise no que Pena define como “unha revolución mediática, económica e social” e nos seus efectos sobre o xornalismo, a industria, as canles de acceso á información, os discursos mediáticos ou mesmo sobre “a nosa forma de percibir e contar a realidade”. Unha análise que se levará a cabo situando esta “revolución mediática” no contexto da historia, xa que “houbo outros momentos nos que tamén apareceron novos medios ou soportes que tamén foron disruptivos, como a radio, o cinema e a televisión, só que agora cremos que está revolución é moito máis profunda”. Con ese propósito, o congreso articulará unha reflexión sobre o que, neste contexto histórico, a aparición dun novo medio supuxo para a sociedade e para os medios xa existentes. “Queremos darlle unha perspectiva a todos estes cambios que se están producindo nun corto período de tempo”, engade Pena sobre un congreso que porá tamén o foco en como os medios tradicionais se adaptaron ao novo contexto dixital e en como este implicou o xurdimento de “novos modelos de negocio, novos discursos e novos formatos e contidos”. 

Tres sesións plenarias e preto dun cento de comunicacións

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC será a sede deste congreso rotatorio que, neste 2019, a AHC promove xunto as facultades e departamentos de comunicación das universidades de Vigo, Santiago e A Coruña e no que está prevista a presentación das comunicacións de preto dun cento de investigadores e investigadoras. Estas levaranse a cabo nas diferentes mesas temáticas paralelas que completan o programa dun evento que contará con tres sesións plenarias nas que intervirán doce expertos e profesionais. Concretamente, na xornada do 26 de setembro unha primeira mesa porá o foco na historia dos novos medios no escenario dixital e contará coas intervencións dos investigadores Javier Díaz, da Universitat Pompeu Fabra, Ana Regina Régo, da Universidade Federal do Piauí, e Francisco Rui Cádima, da Universidade Nova de Lisboa.

Nesa mesma xornada, desenvolverase tamén a sesión plenaria Comunicar en clave galega: a evolución histórica dos novos medios en Galicia, coa participación do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e dos investigadores da USC Francisco Campos, Carlos Toural e Alba Silva, mentres que o venres 27 terá lugar unha mesa sobre medios dixitais pioneiros. Esta sesión plenaria contará coas intervencións de Ismael Nafría, autor do libro La reinvención del New York Times, do ex-director de elmundo.es Mario Tascón e do director do diario dixital Vilaweb, Vicent Partal.