DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EE Forestal participa no acto, presidido polo rei Felipe VI, que tivo lugar en Boqueixón

A conmemoración do Día Internacional dos Bosques pon en valor o papel da educación

O centro promove tamén unhas xornadas de portas abertas

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Institucional
DUVI Pontevedra 20/03/2019

Os bosques e a educación é o lema escollido pola FAO, a Organización para a Agricultura e a Alimentación das Nacións Unidas, para conmemorar neste 2019 o Día Internacional dos Bosques, e a educación relacionada co eido forestal foi nese senso o eixo central da conmemoración que este mércores, na xornada previa á celebración deste día internacional, Juntos por los Bosques, asociación que reúne a máis de 30 entidades relacionadas co sector, entre elas a Escola de Enxeñaría Forestal, promoveu no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, en Boqueixón (A Coruña). Presidido polo rei Felipe VI, esta conmemoración, que Juntos por los Bosques celebraba por primeira vez en Galicia, contou coa participación de preto de 150 representantes do sector público e privado, entre eles representantes das dúas universidades galegas que imparten o grao de Enxeñaría Forestal. De feito, o primeiro dos discursos que integraron este acto correspondeu a Juan Picos, director da EE Forestal do campus pontevedrés, quen puxo de relevo como á educación forestal corresponderalle “garantir profesionais capacitados para resolver problemas complexos”, dado que, “moitos dos retos medioambientais aos que se enfronta o planeta están afectando ás masas forestais”.

O presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo; o ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Luis Planas, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; ou o reitor da USC, Antonio López, foron algunhas das autoridades participantes nun acto no que a Universidade de Vigo estivo representada polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen participou tamén no percorrido realizado por Felipe VI polas instalacións do centro de Sergude, así como polo director do Campus Crea, Carlos Souto, e investigador principal do grupo AF4 da EE Forestal, Enrique Valero.

Formación fronte a retos locais e globais

Xunto ás intervencións do presidente da Conferencia de Consejos Sociales de las Univiversidades Españolas e propietario forestal, Antonio García Abril, e do coordinador de Juntos por los Bosques e decano-presidente do Colegio Oficial de Ingenieros de Montes, Eduardo Rojas, o acto central desta xornada contou coa intervención do director da EE Forestal, encargado de pór o foco na importancia da educación forestal. “A realidade do sector forestal está cambiando a unha velocidade sen precedentes”, salientou Picos nun discurso no que puxo de relevo que “as masas forestais están chamadas a ser a base para un futuro benestar xusto e equitativo”, xa que se ben estas se están a ver afectadas por problemas medioambientais, “moitas das alternativas e solucións a ditos problemas tamén procederán da boa xestión e aproveitamento” destas masas. De aí que que a formación neste eido deba abordar “ampla e ambiciosamente” cuestións como “o cambio climático, a xestión adaptativa dos ecosistemas, a gobernanza forestal, os bosques como fonte de novos materiais e enerxía, o desenvolvemento rural e a mitigación do despoboamento”, subliñou Picos.

Do mesmo xeito, Picos puxo tamén o foco en como as oportunidades de emprego dos titulados e tituladas volvéronse “moito máis variadas e complexas do que eran hai poucas décadas”, de tal xeito que a educación forestal hoxe “caracterízase como unha loita continua por ser eficiente entre dúas escalas aparentemente opostas”, xa que se ben a xestión forestal “é fundamentalmente local”, moitos dos retos aos que debe facer fronte “son planetarios”. Nese senso, o director da EE Forestal sinalou que “a universidade, en particular as escolas que imparten titulacións forestais, debemos ser capaces de soster a súa actividades de maneira equilibrada entre o labor docente, a investigación e a transferencia ao sector”. Do mesmo xeito, Picos puxo de relevo a necesidade de analizar que factores poden contribuír á acadar unha maior presenza de alumnas nos estudos do eido, así como o interese das alianzas entre escolas e universidades para buscar sinerxías”. Nese senso, Picos referiuse tamén na súa intervención á vontade de colaboración entre a EE Forestal e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC nun eido, o forestal, “estratéxico” para Galicia.  

Xornadas de portas abertas

Co gallo deste Día Internacional dos Bosques, a EE Forestal puxo en marcha, entre este mércores 20 e o venres 22, unhas xornadas de portas abertas, nas que calquera persoa interesada pode achegarse directamente ao centro en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.30 a 20.00 horas. Estas visitas abranguen tanto unha presentación da titulación como un percorrido polos laboratorios da escola e están dirixidas tanto a alumnado interesado en cursar o grao como as súas familias, tendo como continuidade as visitas programadas con centros educativos como o IES Luis Seoane, que visitará o centro o vindeiro luns 25.