DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Prevista para o vindeiro curso, sería o primeiro grao da Universidade cunha opción non presencial

O Consello de Campus aborda os traballos para a implantación da modalidade virtual de Dirección e Xestión Publica

O reitor abordou tamén as negociacións para que Deseño e Creación bote a andar no curso 2021/2022

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 30/01/2020

Os traballos que a Universidade de Vigo está a acometer para que o vindeiro curso Dirección e Xestión Pública se converta no primeiro grao da institución académica en contar cunha modalidade virtual foron un dos aspectos abordados este xoves polo Consello de Campus de Pontevedra. Na sesión celebrada na sede da Vicerreitoría, o reitor, Manuel Reigosa, informou tamén de que a institución académica atópase negociando coa Xunta de Galicia co propósito de conseguir que o Grao en Deseño de Creación poida implantarse no curso 2021/2022, despois de que a memoria da titulación recibise o informe desfavorable da administración autonómica.

A posibilidade de captar alumnado en América Latina

Respecto do proceso que permitiría que o Dirección e Xestión Pública conte o vindeiro curso cunha modalidade presencia e outra virtual, Reigosa salientou que “hai traballo por facer”, xa que “a docencia virtual é moi diferente á que estamos habituados”. Isto fai preciso, engadiu, que o profesorado da titulación que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, e que conta actualmente cunha opción semipresencial, deba realizar unha serie de “cursos especiais”. Nese senso e aínda que admitiu que “andamos xustos de tempo”, o reitor destacou que a implantación desta opción virtual está prevista para o vindeiro curso académico 2020/2021. Trataríase, lembrou, do primeiro grao da Universidade de Vigo en contar cunha opción virtual, algo que “para nós encaixa moi ben dentro da estratexia de captación de alumnado” iberoamericano. “Cremos que temos capacidade para utilizar o castelán e o galgo para atraer estudantado de toda América Latina”, subliñou Reigosa, que lembrou que “hai moitas universidades privadas e algunhas públicas que están apostando por estes graos virtuais”.

Modificacións na memoria de Deseño e Creación

Tras recibir, o pasado mes de novembro, o informe desfavorable da Xunta á memoria do grao en Deseño e Creación, a Universidade atópase actualmente “negociando” coa administración autonómica, “vendo que puntos habería que cambiar” no documento, explicou Reigosa nesta sesión. “Algúns teñen que ver con emprazamentos e infraestruturas e outros teñen que ver co propio plan de estudos, coa orientación que se lles dá”, apuntou o reitor. “Espero que sexamos quen entre todos de facer as modificacións correspondentes e implantalo non o vindeiro curso, pero si no seguinte”, engadiu Reigosa, quen lembrou que inicialmente estaba previsto que este novo grao fose “unha titulación máis da Facultade de Belas Artes”, polo que, despois de que a Xunta de Facultade votase en contra da memoria, foi preciso “pedir un prazo adicional” para a presentación da memoria dunha titulación que, salientou, “encaixa perfectamente no Campus Crea”.

No seu informe, Reigosa apuntou así mesmo ás obras que se están a levar a cabo no antigo edificio da Xunta en Benito Corbal, que terá tres plantas destinadas á Universidade, e cuxo remate esta previsto para finais de ano. “Trátase dun espazo privilexiado no centro da cidade, que nos vai permitir facer moitas cousas, desde cuestións de coworking á colaboración entre as distintas facultades e escolas”, salientou o reitor da que será a sede institucional do Campus Crea.

Eficiencia enerxética e captación de alumnado

A sesión celebrada este xoves incorporou á súa orde do día“dous puntos específicos” dirixidos a que dar a coñecer os traballos que se están a realizar desde diferentes vicerreitorías. Así, ao informe no que o vicerreitor do campus, Jorge Soto, deu conta das iniciativas levadas a cabo nos últimos meses, sumáronse os da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, e do vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez.

Xunto cun resumo das principais obras acometidas e previstas no campus e das accións levadas a cabo, en materia de sistemas de información, para simplificar e automatizar procedementos, Míguez abordou as diferentes actuacións en materia de eficiencia enerxética, acometidas o pasado ano e as que “en colaboración coa Xunta” acometeranse neste 2020. En primeiro termo, sinalou que o pasado ano realizáronse auditorías enerxéticas en todos os edificios do campus e que, nos últimos meses de 2019, levouse a cabo a instalación de paneis solares fotovoltaicos nas facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Ciencias da Educación e do Deporte, unha instalación que se prevé xere unha produción anual de 133 megavatios de enerxía eléctrica en cada centro, que cubrirían o 20% do seu consumo, á vez que evitarán a emisión de 7,5 toneladas de CO2 a atmosfera. No relativo a 2020, o vicerreitor salientou o proxecto de instalación dun District Heating, unha rede de produción e distribución de calor baseada en biomasa, conectada nesta primeira fase a estas mesmas facultades e que permitirá limitar a emisión de preto de 250 toneladas de CO2 á atmosfera. Esta proxecto de eficiencia enerxética suporá un gasto de 780.450 euros, dos que o Inega achegará 624.360.

Caparrini, pola súa banda, realizou un balance das actividades de captación de alumnado realizadas, tanto no pasado curso como no actual, como as sesións informativas en institutos, nas que, no relativo aos centros próximos ao campus pontevedrés, participaron preto de 1100 alumnos; as visitas guiadas aos campus, a participación en feiras de orientación universitaria ou as xornadas comarcais de orientación, polas que pasaron xa preto de 1000 escolares no conxunto de Galicia. Caparrini abordou tamén as diferentes iniciativas programadas e previstas no ámbito de extensión universitaria, como a xornada de benvida que o pasado mes de setembro reuniu a 500 novos alumnos e alumnas no campus, así como das actuacións impulsadas no eido deportivo e de accións do ámbito de emprego e emprendemento, como a organización dos VIII Premios Incuvi Emprende da cuarta edición do Incuvi Avanza.