DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A solicitude da PCEO ADE-Informática queda pendente de aclaracións por parte da Consellería

O Consello de Goberno aproba solicitar á Xunta tres novas Programacións conxuntas de ensinanzas oficiais propostas pola EE Industrial 

Na sesión de hoxe tamén se aprobou o Sistema de garantía de calidade de doutoramento

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 27/02/2020

As e os integrantes do Consello de Goberno da Universidade de Vigo reunidos hoxe en sesión extraordinaria acordaron por asentimento solicitar á Xunta de Galicia tres novas Programacións conxuntas de ensinanzas oficiais (PCEO) que, caso de ser aprobadas, se impartirían o vindeiro curso 2020-2021. As tres PCEOs aprobadas este xoves foron propostas pola Escola de Enxeñaría Industrial, contando dúas delas coa participación da titulación de Enxeñaría Biomédica: Enxeñaría Biomédica-Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática e Enxeñaría Biomédica-Enxeñaría Mecánica, e ás que se suma a PCEO de Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática. A cuarta proposta, coa que a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática pretenden recuperar o PCEO ADE-Informática, despois de que este curso fose suspendido pola Xunta, acordouse que será solicitado ou non dependendo da resposta que a Secretaría Xeral de Universidades de a unha serie de aclaracións que se lle van remitir por parte dos centros e coas que se pretende aclarar a viabilidade de presentar a solicitude. Neste punto da orde do día tamén se aprobou solicitar a continuidade das PCEOs que actualmente se están a ofertar: ADE- Dereito nos campus de Vigo e Ourense e Turismo-Xeografía e Historia no campus ourensán.

Ao marxe da aprobación das solicitudes de PCEOs, na sesión de hoxe tamén se deu verde á Normativa de dedicación e recoñecementos docentes de profesorado, así como ao Sistema de garantía de calidade de doutoramento e á modificación do Regulamento de estudos de doutoramento da UVigo.

Tres novas solicitudes de PCEOs da EEI e continuidade para os PCEOS existentes

Das tres solicitudes de novos PCEOS aprobadas hoxe polo Consello de Goberno, en dous delas participa a titulación de Enxeñaría Biomédica: Enxeñaría Biomédica-Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática e Enxeñaría Biomédica-Enxeñaría Mecánica. Cada unha delas terá seis prazas, que se detraen a partes iguais de cada unha das titulacións participantes do PCEO (seis de Enxeñaría Biomédica, tres para cada PCEO); tres de Mecánica e tres de Electrónica Industrial e Automática. Neste caso, a Escola de Enxeñaría Industrial defende que o alumnado destes programas obterá as dúas titulacións nun tempo moi razoable; así como unha maior diferenciación cara a acadar un emprego, ademais de dispor dunha titulación adicional con atribucións profesionais, a nivel enxeñeiro técnico industrial en electrónica e automática ou enxeñeiro industrial en mecánica.

Pola súa banda, a PCEO de Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática ofertaría 10 prazas, detraídas cinco de cada unha dos graos. Neste caso, a atención á demanda do mercado laboral con competencias multidisciplinares, xunto coa posibilidade de obter unha maior diferenciación e especialización nos ámbitos da automatización e intelixencia en procesos e produtos cada vez máis complexos, soportados na informática e nas comunicacións, son algúns dos argumentos esgrimidos pola EE Industrial na súa solicitude do PCEO, que tamén permitirá ao alumnado dispor dunha titulación adicional con atribucións profesionais. 

Despois da súa aprobación hoxe polo Consello de Goberno, estas tres PCEOs , así como a solicitude de continuidade das tres programación que xa se están a impartir, serán remitidas á Secretaría Xeral de Universidades e a partir de aí a Xunta decidirá se son ou non pertinentes e, polo tanto, a súa inclusión ou non na oferta de prazas das CIUG para o vindeiro curso. En relación coas novos e coas PCEOs que xa se están a impartir, tanto o reitor como o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, defenderon a súa existencia, “porque permiten captar máis talento”, asegurou Reigosa. Pola súa banda, Manuel Ramos sinala que “neste intre, fronte aos sete da UDC, e os 10 da UDC, a UVigo só oferta tres PCEOs, un en Vigo e dous en Ourense. Uns estudos que creo que son positivos porque ofrecen unha modalidade adicional para o estudantado e que pode favorecer a súa futura empregabilidade”, sinala o vicerreitor, que destaca que “temos que ser especialmente coidadosos no seu deseño, xa que doutro xeito poden acabar non sendo viables”. 

ADE-Informática, unha solicitude pendente das aclaracións da Xunta

 A cuarta das solicitudes que hoxe foi tratada no Consello de Goberno foi a formulada pola Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática coa intención de recuperar a PCEO ADE- Informática, que este curso deixou de impartirse por decisión da Xunta. Despois de defender o seu carácter estratéxico e asegurar que “ten todo o sentido porque permite cubrir postos de traballo moi interesantes”, o reitor, atendendo á normativa que a Xunta, co rexeitamento das tres universidades, aplica no caso das PCEOs, animou aos responsables do centros do campus de Ourense a realizar unha solicitude interna para implantalo o vindeiro curso. Trátase de “pedilo dentro da casa, aínda que quedase fóra da oferta da CIUG. Facelo de xeito interno e logo se se cumpren as taxas de idoneidade e graduación que pide a Xunta, solicitarllo o ano que vén. E é que se o solicitamos agora e nolo aproban, posiblemente dentro dun ano perderémolo por non cumprir as taxas que pide a Xunta para os tres primeiros anos da titulación”, explicou Reigosa.

Pola súa banda, o director da ES de Enxeñaría Informática tamén defendeu o carácter estratéxico da PCEO, así como a existencia de demanda e aínda que recoñeceu que puido non funcionar os primeiros anos, “si nos dous últimos”, asegurou Francisco Rodríguez. Ante a disxuntiva de solicitar a PCEO directamente á Xunta ou facelo de xeito interno, finalmente o director da Escola propuxo, e así foi aprobado polos membros do Consello de Goberno,  condicionar a petición á Consellería a que esta aclare unha serie de cuestións como “cal é, na opinión da Xunta a situación da PCEO respecto da nova instrución de data 16/12/19, atendendo a que esta programación non foi ofertada ao alumnado procedente da ABAU no curso 19/20”. Así mesmo, a dirección da Escola tamén pregunta á Xunta que se se interpreta que a PCEO está pechada e polo tanto non lle é de aplicación a instrución do goberno galego antes citada, cales serían as condicións que se deben cumprir para solicitalo novamente ou se terá a condición de nova PCEO a todos os efectos.

Normativa de dedicación e recoñecementos docentes, SGC e modificación do Regulamento de estudos de doutoramento

 Na sesión extraordinaria de hoxe tamén se aprobou a modificación puntual da Normativa de dedicación e recoñecementos docentes de profesorado, na que este ano se introduciu como novidade a consideración da figura de coordinador ou coordinadora de titulación como cargo académico, xa que é unha figura que aparece nos novos estatutos da UVigo. Ademais de dar luz verde á proposta para o reparto de puntos adicionais entre os centros por apoio ás tarefas de captación de alumnado, hoxe se aprobou o Sistema de garantía de calidade de doutoramento, unha certificación que a institución viguesa foi a primeira do SUG en acadar, que outorga a ACSUG, e está baseado nos European Standards & Guidelines for Quality Assurance in the European Higher Education Area. Este sistema de garantía de calidade de doutoramento abrangue todos os programas de doutoramento implantados nos centros da Universidade de Vigo e afecta a temáticas como as actividades de admisión e de acollida do estudantado de doutoramento, a xestión dos programas de doutoramento, as actividades de formación dos futuros investigadores, a súa mobilidade ou a información pública. Sobre os efectos desta certificación, Antonio Pino, director de EIDO, explica que se trata dun protocolo que todas as escolas de doutoramento deben ter definido e implantado para que as titulacións poidan seguir o seu normal desenvolvemento, especialmente no que á avaliación externa pola Axencia de Calidade se refire. Para o alumnado, “a existencia e implantación destes procedementos debe servir para clarificar de maneira efectiva a ‘folla de ruta’ que se debe seguir para concluír con éxito os estudos de doutoramento, para facilitarlles as xestións que teñan que realizar anualmente, así como para modernizar os procedementos potenciando o acceso en liña ás xestión que deban realizar”.

En canto á modificación do Regulamento de Estudos de Doutoramento da UVigo aprobada hoxe, esta contempla, entre outros cambios: a adaptación aos procedementos do  novo Sistema de Garantía de Calidade (por exemplo  desaparece o informe previo á lectura da tese que fai o  tribunal); a simplificación dos criterios para dirixir teses (cambios coordinados coa USC e UDC); a adaptación aos principios de funcionamento de estándares de investigación HRS4R; a aclaración das normas de teses que inclúen artigos transcritos literalmente e a revisión das condicións para optar á mención industrial.