DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría promove unha campaña de preinscrición nesta actividade

O Coro do Campus busca novas voces para o vindeiro curso

A formación está aberta tanto á comunidade universitaria como á cidadanía

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 08/07/2019

Co propósito de medrar e incorporar novas voces á formación, a Vicerreitoría impulsa unha campaña de preinscrición no Coro do Campus de Pontevedra, unha agrupación aberta á participación tanto do alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos do campus como a persoas alleas á comunidade universitaria. “Para formar parte do coro non é preciso ter coñecementos musicais nin unha boa voz, soamente vontade de participar”, salienta o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e director da agrupación, Marco Lucato. As persoas interesadas, explica, teñen de prazo ata o 15 de setembro para inscribirse nesta actividade a través dos enderezos electrónicos dir.dinamizacion.po@uvigo.es e mlucato@uvigo.es.

A renovación que cada curso se produce nesta formación nacida no ano 2014 fai necesario, explica Lucato, sumar cada ano novos membros “que permitan garantir a continuidade do coro”. Por ese motivo, impulsouse nas redes sociais unha iniciativa dirixida “a dar a coñecer esta actividade, pensando principalmente no alumnado do campus, que queremos que sexan tamén os protagonistas do coro”. Trátase, por outra banda, dunha actividade recoñecida con tres créditos ETCS que retomará en setembro a súa actividade. Será entón, explica Lucato, cando se definan os seus horarios de ensaios, que terán lugar na Facultade de Ciencias de Educación e do Deporte. 

“Para nós o coro é máis que unha agrupación de persoas ás que lles gusta á música, é unha actividade cultural e educativa que queremos pór en valor", engade o vicerreitor do campus Jorge Soto. Con ese obxectivo, desde a Vicerreitoría buscan facer “un chamamento á cidadanía, a estudantes, egresados e á poboación en xeral, para incrementar o número de participantes” nesta actividade.

Cinco anos de traxectoria

Preto de 20 persoas, entre elas un bo número de alumnos e alumnas do Programa Universitario de Maiores, formaron parte neste curso dunha agrupación que participa en diferentes actos académicos no campus, aos que se adoita sumar cada curso a organización dun concerto de Nadal ou de fin de curso. De cara a setembro, engade Lucato, ademais de sumar novos e novas integrantes, o obxectivo é tamén “renovar o repertorio”, caracterizado pola combinación de pezas de diferentes xéneros e estilos, tendo en conta tamén as características e intereses das e os seus integrantes.