DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Cátedra Álvarez-Ossorio inicia un novo curso mirando cara os ceos 

Cunha conferencia do director do Real Observatorio da Armada, Francisco Javier Galindo

Fundada hai 25 anos, promove actividades científicas, culturais e de divulgación

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 28/11/2019

Fundada en 1994, hai 25 anos, a Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que promoven conxuntamente a Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar, celebrou na tarde deste xoves o inicio dun novo curso académico e do seu ciclo de conferencias poñendo a mirada no ceo e nas estrelas. Fíxoo a través do relatorio no que o director do Real Observatorio da Armada, Francisco Javier Galindo, abordou a historia e os ámbitos de traballo deste instituto fundado en 1753. No acto inaugural deste novo curso, celebrado na Escola Naval, o comandante director da ENM, o capitán de navío Ignacio Cuartero, e o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que foi nomeado novo director da cátedra, puxeron de relevo a importancia deste órgano de relación, que no presente curso combinará o seu ciclo de conferencias con actividades de investigación, culturais e deportivas.

25 anos de traxectoria

Na apertura do acto, Cuartero rememorou tanto a traxectoria do militar ao que a cátedra debe o seu nome, o almirante Manuel Álvarez-Ossorio, como da propia da cátedra, impulsada en 1994 a raíz dun convenio entre a Universidade de Vigo e o Ministerio de Defensa, como “marco de intercambio e cooperación” entre a institución académica e a desaparecida Escola de Transmisións e Electrónica da Armada. Un segundo convenio, asinado en 2002, deu continuidade a este “órgano de relación institucional para temas culturais, científicos, humanísticos e de interese común”, xa entre a Universidade e a Escola Naval Militar. Un dos obxectivos da cátedra, lembrou Cuartero, era “facilitar a integración da ensinanza militar no sistema educativo xeral do Estado”. Na actualidade, “esa integración é xa completa grazas ao Centro Universitario de Defensa, adscrito á Universidade de Vigo”, lembrou o director da ENM, que, non obstante incidiu en que “a cátedra segue sendo fundamental para a colaboración entre ambas institucións”.

Nesa mesma liña, Jorge Soto subliñou que Universidade e ENM coinciden na idea que “só a través do coñecemento podemos mellorar ambas institucións”, á vez que lembrou que o pasado foi un curso "cheo de actividades e de propostas de colaboración”, no que “traballamos desde a investigación, a cultura, o deporte” para que esta fose “unha cátedra de referencia”. Con respecto ao presente curso, Cuartero sinalou que se levará a cabo un novo ciclo de conferencias, no que buscouse "a diversidade de temas”, pero tamén outra serie de iniciativas. “Continuaremos co intercambio de profesores e alumnos de ambas institucións e trataremos de amplialo a novas áreas de coñecementos”, salientou o director da ENM, que lembrou o bautismo de mar levado a cabo o 7 de novembro coa participación de alumnado e persoal docente da Universidade. Cuartero anunciou así mesmo que o vindeiro cuadrimestre programaranse actividades deportivas e continuarase desenvolvendo un proxecto de investigación, coordinado polo grupo HealthyFit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que ten como base “o estudo das probas físicas que desenvolven os alumnos da ensinanza militar”.

Do apoio á navegación ao seu papel na carreira espacial

Creado en 1753 en San Fernando (Cádiz), o Real Instituto da Armada foi o eixo da primeira conferencia deste curso, na que o capitán de navío Francisco Javier Galindo puxo de relevo a traxectoria dun instituto “que despois de máis de 265 anos segue sendo un referente, con transcendencia internacional”. Impulsado pola Armada co propósito de promover a astronomía como unha disciplina que permitiría “navegar en alta mar a través da observación das estrelas”, o observatorio foi “precursor do sistema costeiro meteorolóxico”, tomou parte na carreira espacial e publica desde 1970 o Almanaque náutico, “a publicación máis antiga en lingua castelá e a cuarta do mundo”, lembrou Galindo. 

No seu percorrido polas diferentes seccións deste organismo, o director do observatorio abordou fitos como que este fose seleccionado, en 1958 “en plena carreira espacial”, para acoller unha das doce estacións que os Estados Unidos instalaron en diferente puntos do mundo, a Cámara Baker-Nunn, “que foi capaz de seguir satélites, tanto dos americanos como dos rusos”. Décadas despois, unha versión “automatizada e robotizada” deste sistema, o TFRM, é empregado para “seguir o lixo espacial con medio ópticos”, explicou Galindo, que incidiu en que os milleiros de partículas en órbita supoñen unha “ importante vulnerabilidade” para os preto de 2000 satélites activos na actualidade e dos que “depende toda a sociedade tecnificada”.