DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade e Club Peña Trevinca ofrecen cursos de escalada de diversos niveis no rocódromo do camp

Un curso de fin de semana ou formación continua durante oito meses, a cuestión é escalar 

As actividades comezan esta fin de semana 

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
Mª del Camen Echevarría DUVI 11/09/2019

Un curso de iniciación de fin de semana e unhas xornadas de formación continua durante oito meses. Estas son as propostas coas que a Área de Benestar, Saúde e Deporte segue a achegar a práctica da escalada á comunidade universitaria no rocódromo do pavillón do campus de Vigo. O Club Peña Trevinca será de novo o encargado, a través de monitores autorizados pola Escola Galega de Alta Montaña (EGAM), de impartir a formación na que poderán participar os membros da comunidade universitaria, ademais de socias e socios do propio club de montaña. 

Estes próximos sábado e domingo, 14 e 15 de setembro en horarios de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00, desenvolverase o curso de iniciación, no que as persoas interesadas, un mínimo de seis e un máximo de 12, poderán inscribirse ata este xoves día 12. “O motivo principal polo que recomendamos participar neste curso de iniciación non é outro que é a mellor maneira de entrar en contacto coa escalada e tomala en serio. O curso abrirá as portas á utilización deste e outros rocódromos xa que, como mínimo se adquiren os coñecementos básicos”, explica Carlos Garrido, presidente do Club Peña Trevinca, no que as persoas interesadas en participar na actividade deberán inscribirse. A adquisición dos primeiros coñecementos sobre seguridade na práctica da escalada, o axeitado manexo do material e a aprendizaxe dunha base que evite as malas prácticas, centrarán o curso de iniciación, que será impartido por dous monitores formados e titulados pola EGAM.

Oito meses de  formación continua 

Entre tres grupos de iniciación e outros tantos de perfeccionamento, dependendo dos días e das horas, poderán elixir as persoas que queiran participan nas xornadas de formación continúa de escalada que se desenvolverán entre os meses de outubro deste ano e maio do ano que vén. Serán oito meses de práctica deportiva “nos que o alumnado terá moita continuidade, o que fará que teña unha progresión moi boa, en función das capacidades físicas e psicolóxicas, loxicamente, e poida ir superando dificultades de grao e destreza”, detalla Carlos Garrido en relación co contido das xornadas de formación continua, nas que unha vez que as os participantes adquiran seguridade, a aprendizaxe centrarase na técnica e na velocidade, dotándoos da fortaleza física e mental necesarias para a práctica deste deporte.

A matrícula para as xornadas que xa está aberta, rematará o 20 de setembro e tanto no caso dos grupos de iniciación, como nos de perfeccionamento a selección realizarase a través da aplicación duns criterios como son ter participado na actividade o ano anterior, a uniformidade do grupo, a orde de inscrición ou demostrar capacidade de escalar mínimo 6a, no caso dos grupos de perfeccionamento. Todos os grupos teñen seis prazas, agás o de iniciación e antigo alumnado de 6 a 17 anos no que o límite é de 12 participantes. As xornadas de formación continúa tamén serán impartidas por técnicos formados e titulados pola EGAM, a través do Club Peña Trevinca.

Prácticas nun dos mellores rocódromos de Galicia

Garrido considera que a celebración do curso e das xornadas no rocódromo do campus de Vigo é un aliciente engadido á formación xa que “tras a reforma e ampliación que se realizou hai agora un ano a instalación cumpre moi ben as necesidades para este tipo de cursos, con vías de velocidade e tamén de dificultade”. Para o presidente do Club Peña Trevinca esta é o mellor rocódromo para a práctica da escalada que existe neste intre en Vigo e uns dos mellores de Galicia e co engadido dun boulder “que abre moito as posibilidades de practicar escalada sen a necesidade obrigada de ter un compañeiro que nos asegure, facilitando moito a práctica ao non precisar ningún material agás uns pés de gato”, explica.

O rocódromo, cun grao máximo 7c de dificultade, conta na actualidade cunha superficie escalable de 70 m², 12 metros de altura e un boulder de 16 metros de lonxitude.