DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula está aberta ata o 14 de abril e a docencia impartirase entre o 15 deste mes o 15 de maio

Un curso en liña axudará ao alumnado a descubrir os segredos da busca activa de emprego

De carácter gratuíto, está destinado a novos egresados e alumnado co 70% dos créditos superados

Tags
  • Estudantes
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 03/04/2020

A Universidade de Vigo comeza a pensar en como afrontar o período que virá tras a pandemia do coronavirus, coa vista posta na inserción laboral dos seus titulados e tituladas. Os datos do paro feitos públicos onte xoves confirman que o virus destruíu tantos postos de traballo en 15 días como crack do 2008 en cinco meses, 900.000 afiliados menos á Seguridade Social. Pero nese contexto, explican dende a Área de Emprego e Emprendemento da Universidade, “as empresas van necesitar máis ca nunca talento humano que lles axude a superar a delicada situación actual”. Para preparar ao alumnado para o proceso de busca de Emprego apostaron por poñer en marcha un curso en liña de balde “para que durante o seu confinamento sigan traballando o seu desenvolvemento profesional e na súa futura empregabilidade”.

O obradoiro xa ten aberto o prazo de inscrición, ata o vindeiro 14 de abril, e a docencia desenvolverase entre o 15 deste mes o 15 de maio. Pódense matricular todos aqueles egresados e egresadas recentemente e o alumnado co 70% dos créditos da titulación a cursar superados.

Cinco bloques temáticos

O obxectivo é que, ao rematar o curso, as persoas participantes sexan quen de definir obxectivos e metas persoais e profesionais; coñecer o concepto de busca activa de emprego e a súa diferencia coa busca pasiva; planificar a busca de emprego; coñecer as ferramentais habituais de mellora da empregabilidade, como a autocandidatura, o currículo vitae, a carta de presentación ou Linkedin; e pór en práctica habilidades precisas para superar con éxito un proceso de selección e/ou entrevista laboral.

Así, a primeira unidade didáctica centrarase en coñecer tanto a situación do mercado laboral como no autocoñecemento, así como nos procedementos de busca de emprego. A segunda unidade amosará as vías de acceso ao emprego, ben a través de intermediarios da empresa privada, ben a través de intermediarios da Administración Pública. Nunha terceira parte do obradoiro, a docencia artellarase arredor das estratexias para presentarse antes as empresas, prestando especial atención ao CV e á carta de presentación, así como nos recursos dixitais, a marca persoal e a identidade dixital. Xa na cuarta unidade do curso os contidos centraranse na busca de traballo máis aló das nosas fronteiras, co EURES Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal como ferramenta de apoio á mobilidade. A derradeira parte do curso será para adquirir estratexias para ser quen de superar un proceso de selección, atendendo tanto á entrevista persoal como ás probas profesionais ou os test psicotécnicos.

O obradoiro será impartido por  Mª Reyes Fernández Gonzáles, técnica superior en Orientación Laboral da Área de Emprego e Emprendemento, profesora asociada na Universidade de Vigo e autora de varios artigos especializados en formación e procesos de inserción laboral de distintos colectivos.