DUVI

Diario da Universidade de Vigo

25 persoas participan na formación de Estou

O curso de monitores de tempo libre impártese por primeira vez en xullo

As e os inscritos obterán o título acreditado pola Xunta de Galicia

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 16/07/2019

No campus de Ourense o verán é tamén tempo de formación para as persoas que desexan obter o curso de monitores de tempo libre. Por primeira vez a Escola de Tempo Libre Universitaria do campus de Ourense (Estou), coa colaboración da Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE, ofrece en xullo o seu curso intensivo para obter o título acreditado pola Xunta de Galicia para traballar como monitor ou monitora de tempo libre.

De luns a venres e en horario de mañá e tarde e nas diferentes instalacións do campus, as 25 persoas inscritas aprenden xogando a dinamizar todo tipo de grupos, desde nenos e nenas ata persoas maiores. Seguindo o formato de anos anteriores, o curso consta de 350 horas, 200 delas teóricas e 150 prácticas, impartíndose arredor de dez horas diarias. Os contidos que abranguen a formación inclúen todo tipo de actividades destinadas á animación sociocultural e do tempo libre, como xogos tradicionais, grandes xogos, veladas, rutas interpretativas, obradoiros de reciclaxe, actividades na natureza e deportivas, expresión musical e corporal, primeiros auxilios, educación para a saúde, animación á lectura, psicosocioloxía, educación en valores, lexislación e saúde ambiental, entre outras cuestións. “Facemos de todo, incluíndo saídas, animación deportiva, obradoiros de globoflexia, tintado de camisetas, bailes modernos e visitas a entidades de carácter social co obxectivo de que coñezan espazos relacionados coa intervención social onde facer as prácticas relacionados do curso”, comentan desde a organización.

O perfil de persoas inscritas é principalmente de estudantes da Facultade de Ciencias da Educación do campus, tanto das diferentes ramas de maxisterio como das de Educación e Traballo Social, pero tamén hai estudantes de Turismo, egresados en Educación Social e futuras estudantes do campus procedentes de ciclos superiores de animación sociocultural e educación infantil. Para abordar as temáticas do curso, na súa docencia participan non só profesionais do eido educativo ou da intervención social senón tamén profesionais do eido da historia ou do turismo. Os docentes do curso son profesionais do mundo do tempo libre e alumnado que realizou algunha das anteriores edicións do curso da Escola de Tempo Libre Universitaria e que se implica habitualmente nas actividades das entidades organizadoras. Segundo explican desde a organización, nesta edición o curso conta con 18 docentes, “na súa maioría persoas formadas en Estou e que participan de xeito activo en Auce”.