DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución provincial fixo público o fallo dos III Premios Sofía Novoa Ortiz

A Deputación recoñece os traballos de seis alumnas polo seu compromiso coa igualdade

Paula González e Doris Fernandes gañaron os primeiros premios de grao e máster

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Premios
  • Académica
DUVI Pontevedra 20/05/2019

Pór de manifesto as desigualdades existentes entre homes e mulleres a través do intercambio de roles tradicionais, analizar a linguaxe sexista nas traducións ou a representación da muller nos dicionarios, deseñar materiais que contribúan á incorporación da perspectiva de xénero ás aulas, abordar a existencia de profesións e estudos feminizados e afondar nas desigualdades entre homes e mulleres no ámbito científico tecnolóxico. Estes son os eixos temáticos dos traballos de fin de grao e fin de mestrado de alumnado da Universidade de Vigo aos que a Deputación de Pontevedra recoñeceu cos III Premios Sofía Novoa Ortiz, dirixidos a premiar a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos académicos do alumnado universitario. Paula González, Laura Cao e Alba Vicente foron as tres alumnas gañadoras destes premios na súa categoría de traballos de fin de grao, mentres que os recoñecementos aos mellores proxectos de fin de mestrado foron para Doris Fernandes, Andrea López e Belén Calero.

O fallo da terceira edición destes premios, que recoñecen traballos defendidos nos tres campus da Universidade de Vigo, foi feito público este luns pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen salientou que a institución provincial segue “apostando por apoiar iniciativas que están a estender a igualdade real entre homes e mulleres e a perspectiva de xénero nos diferentes ámbitos da sociedade”. Silva anunciou que estes premios entregaranse na Misión Biolóxica de Galicia, nunha data por confirmar, á vez que enxalzou a figura da pedagoga que lles da nome, “unha muller moi comprometida que empregou a música como vehículo para o ensino da cultura e do idioma e que loitou para que as mulleres ocuparan espazos públicos”. 

O mundo ao revés para abordar os estereotipos desde o audiovisual

V é o título da peza audiovisual coa que Paula González Fariña obtivo o primeiro premio na modalidade de traballos de fin de grao, na que esta titulada buscaba pór de manifesto as desigualdades entre homes e mulleres mediante o intercambio de roles tradicionais. “Trátase de amosar un mundo ao revés, onde se inverten os roles”, explica González Fariña da curta que constituíu o seu traballo de fin de grao en Comunicación Audiovisual e na que “o fío condutor da historia é un rapaz que quere ser cura, pero que nese mundo ao revés tense que conformar con ser monxa”, para a partir de aí ir abordando “unha serie de desigualdades, prexuízos e inxustizas”, explica esta egresada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, quen se amosa “moi contenta” polo recoñecemento obtido nun certame que “pon de manifesto a desigualdade que sigue existindo hoxe en día”.

Grazas a este traballo, González Fariña resultou merecedora dun premio económico dotado con 1000 euros, contía que a institución provincial outorga tamén á gañadora do segundo premio, Laura Cao Dóriga, polo seu traballo O rol da muller e a linguaxe sexista na tradución cara o galego e ao español de The house on Mango Street, consistente nunha análise da tradución literaria desta novela con reivindicación feminista. Tamén nesta modalidade, o xurado distinguiu cun terceiro premio dotado con 600 euros o traballo Análisis de la representación de la mujer en la vigésimotercera edición del diccionario de la lengua española (RAE y ASALE) y sus actualizaciones, de Alba Vicente Coedo, quen estudou a visión androcéntrica da última edición impresa do Dicionario da Lingua Española e a súa última actualización electrónica, segundo informou a Deputación.

Análise con perspectiva de xénero a materiais presentes nas aulas

No relativo aos traballos de fin de mestrado, o primeiro premio, dotado tamén con 1000 euros, foi para a investigadora da Universidade de Vigo e egresada do máster en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas Doris Fernandes del Pozo polo seu traballo Introdución da perspectiva de xénero na aula de inglés como lingua estranxeira: proposta de adaptación dunha unidade didáctica real para 1º de Bacharelato. “A verdade é que é unha honra, fíxome moita ilusión”, salienta Fernandes, quen, coa profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Ana Elina Martínez como titora, realizou a revisión dunha unidade didáctica dirixida ao ensino de inglés co propósito tanto de avaliar a presenza de contidos sexistas como de presentar unha posible adaptación dun material preexistente para poder traballar con el nas aulas desde unha perspectiva de xénero. “O meu traballo céntrase en abordar porque é importante introducir a perspectiva de xénero nas aulas de secundaria, que é algo que se pode facer desde todas as materias de maneira transversal”, salienta Fernandes, quen recoñece o positivo de inciativas como estes premios “que permiten visibilizar traballos e liñas de investigacións que ás veces quedan un pouco esquecidas”. 

Nesta modalidade outorgáronse tamén un segundo e un terceiro premio, dotados con 1000 e 600 euros respectivamente. O primeiro recaeu en Andrea López Pastoriza, por Trazos de xénero na Elección de Estudos na Familia profesional da Administración e Xestión, no que se analizan profesións e estudos feminizados e masculinizados na formación profesional desa rama do coñecemento. Por último, Belén Calero Blanco resultou merecedor do terceiro premio polo seu traballo Ciencia y género: una propuesta didáctica para trabajar en el aula, no que se poñen de manifesto as desigualdades entre mulleres e homes no ámbito científico-tecnolóxico.