DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A aula do campus de Ourense celebra este ano unha década de actividade

Dez anos de danza universitaria

Cada cuadrimestre 15 persoas fórmanse coa compañía Traspediante

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 26/05/2020

Entre as celebracións que a pandemia da COVID-19 anulou ou aprazou está a do décimo aniversario da Aula de Danza do Campus de Ourense D-Ou-Tras. A iniciativa cumpre unha década mantendo a súa actividade de xeito virtual debido ás circunstancias especiais provocadas polo coronavirus e facendo un balance moi positivo dunha aula que ao longo da súa existencia “xerou público para a danza e xerou unha comunidade e unha visibilidade para as novas creacións a través do corpo”, tal e como explican desde a súa organización. 

Unha proposta que “funcionou”

“Esta aula naceu por iniciativa de Marta Alonso e Begoña Cuquejo, de Traspediante Danza, cando nos presentaron un proxecto de obradoiro de danza para o campus de Ourense. Pareceunos interesante, pois tanto na Universidade de Santiago de Compostela como na da Coruña había danza contemporánea e pensabamos que podiamos intentalo tamén en Ourense”, lembra Filemón Rivas, responsable da Área de Actividades Culturais do campus de Ourense. A idea, apunta, “funcionou, pois tendo en conta que non é unha disciplina que arrastre masas quedamos satisfeitos pola acollida que tivo, cunha ducia de persoas matriculadas en cada cuadrimestre”. 

Co paso do tempo, detalla Filemón Rivas, D-Ou-Tras foise consolidando e comezou a amosar o seu traballo, “aceptando os convites que as outras universidades galegas lle facían chegar para participar nos seus certames”. Igualmente, comenta, incorporáronse á celebración da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu), promovida pola UVigo, onde en cada edición a aula organiza unha xornada dedicada especificamente á danza contemporánea. “De cara ao futuro, seguimos moi comprometidos coa aula e con, na medida do posible, incrementar ese compromiso para darlle maior visibilidade”, indica o responsable da Área de Actividades Culturais do campus de Ourense. 

Un laboratorio para todos os públicos

Segundo explica Begoña Cuquejo, responsable de D-Ou-Tras, “no seu inicio Traspediante Cultura inspirouse no modelo da aula de danza da USC”, da que Begoña Cuquejo e Marta Alonso levaron a docencia e a dirección no ano 2010, xusto antes de propor e comezar o seu propio proxecto no campus de Ourense. "Aquí iniciouse a pedagoxía aplicada dende Traspediante Cultura, baseada na creación contemporánea e actual das artes vivas, híbrido e inspirador para todo tipo de corpos e movementos xenuínos”, comenta Begoña Cuquejo. Tras ser aceptada a súa proposta, lembra, a aula do campus arrancou a súa actividade, presentando en 2011 o seu primeiro espectáculo froito do traballo das primeiras persoas que se animaron a apuntarse a esta actividade. Dez anos despois, as responsables de Traspediante Danza fan “un balance moi positivo” da iniciativa, subliñando como a aula foi e é “xerme de moita xente que se converteu en espectadora habitual da danza e doutras persoas que cambiaron de carreira e marcharon especializarse en artes vivas”. 

Desde a súa posta en marcha e ata a actualidade, comentan as súas responsables, D-Ou-Tras está cada cuadrimestres entre a lista de obradoiros de extensión universitaria que convoca a Vicerreitoría do Campus de Ourense e nel 15 persoas de perfís moi diversos introdúcense no mundo da danza contemporánea e da creación escénica fundamentalmente a través do corpo e o movemento. A aula, indican, tense convertido “nun laboratorio para todos os públicos, universitarios e non universitarios, onde se poden practicar as bases da danza contemporánea, ferramentas básicas de busca de movemento, de técnica de butoh, de flying low, de body weather, etc”. O obradoiro desenvólvese habitualmente de xeito semanal nas instalacións do campus de Ourense “nun ambiente lúdico” onde as 30 horas do primeiro cuadrimestre están orientadas a formarse nunha base común de ferramentas e as 40 seguintes a crear unha peza escénica que se representa en diferentes contextos universitarios ou afeccionados, desde Unidanza na Universidad Carlos III Madrid ata FaiPointing Festival na Illa das Escultas de Pontevedra. Ademais, no marco da aula e desde hai cinco anos existe o Certame Doutras de Danza, que complementa cada ano a xornada de danza celebrada no marco da Miteu.

Por este “laboratorio de creación en danza e artes do corpo da Universidade de Vigo”, detalla Begoña Cuquejo, pasaron non só unha media de 15 alumnos e alumnas por cuadrimestre senón múltiples docentes, como Paula Quintas, Maciek Sado, Cristina Vilariño, Nuria Sotelo, Raúl Martínez e Fran Buceta, ademais das propias Begoña Cuquejo e Marta Alonso. A esta masa crítica, arredor da aula xurdiron, tal e como indican as súas responsables, sinerxías “con outras entidades do campus” e a “colaboración con escolas de danza locais e outras universidades” tratando “sempre de traer innovación e colaboración”.

Do presencial ao virtual

Na actualidade, debido á COVID-19, a aula ten trasladado a súa actividade das instalacións universitarias ao eido virtual, concretamente á plataforma Zoom, onde cada martes as persoas matriculadas nesta aula reciben clases de corpo e busca de movemento a cargo de Nuria Sotelo e os mércores de creación de performances a cargo de Begoña Cuquejo e Nuria Sotelo. A través desta plataforma celebraron o pasado 29 de abril o Día Internacional da Danza en colaboración coa Universidad Carlos III de Madrid, onde dez anos atrás D-Ou-Tras representou o seu primeiro espectáculo.