DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ángeles López faise así cunha distinción que en España só posúen media ducia de profesionais

A directora da OTRI convértese na primeira galega en ser acreditada pola alianza internacional ATTP como Profesional da Transferencia

Esta asociación conta con 500 persoas acreditadas procedentes de 39 países

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Calidade
  • Divulgación
  • Internacional
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/01/2020

A directora da Oficina de I+D, Ángeles López, acaba de ser acreditada como Profesional da Transferencia –RTTP, Registered Technology Transfer Professional- pola alianza internacional ATTP, unha entidade  formada por 14 asociacións nacionais e internacionais de profesionais da transferencia de coñecemento presente en 60 países e cuxa principal misión é promover e manter uns estándares globais na profesión da transferencia de I+D e fomentar o recoñecemento da profesión para o que concede precisamente esta acreditación RTTP cando se cumpren eses estándares. 

López é a primeira galega en conseguir esta distinción, un recoñecemento co que contan na actualidade arredor de 500 profesionais de 39 países, só media ducia procedentes de España. “Aínda que esta acreditación é de ámbito privado e non ten ningún carácter oficial, faime ilusión telo conseguido, porque é un recoñecemento ao labor, á experiencia e ao bo facer”, salienta López, quen fai fincapé en que esta acreditación tamén lle serve para compararse cos seus homólogos a nivel global, “e saber que estás á altura e que te mantés ao día na profesión”.

“Os méritos non son so meus, tamén de grandes investigadores que temos na UVigo” 

Segundo explica a directora da Oficina de I+D, o proceso para conseguir esta designación ten dúas vías. Ambas parten duns anos de experiencia necesarios e, despois, hai a opción de ir polo camiño de ter adquirida formación con créditos que eles recoñecen, ou ben pola vía de xustificar detalladamente o teu traballo, destrezas, logros, achegas en proxectos reais, etc. Esta última foi a vía pola que ela se decantou, “posto que eu son bastante veterana e a miña etapa formativa non contaba con estes créditos que eles recoñecen agora”, salienta López. Ademais, por ambas vías hai que elaborar unha memoria exhaustiva dun proxecto concreto que a persoa candidata tivera acompañado e xestionado con éxito. “Hai que dicir que os méritos non son so meus, tamén de grandes investigadores que temos na UVigo, que desenvolven proxectos de I+D que nós como xestores tivemos a oportunidade de poder acompañar no seu camiño para ser transferidos, como é caso dos dous proxectos de transferencia (dos tres que hai) premiados recentemente pola Real Academia das Ciencias de Galicia. É neste tipo de proxectos nos que eu basei a miña experiencia”, recalca a directora da Oficina de I+D.

Desde o seu punto de vista, o que se valora principalmente desde a alianza é que a persoa candidata teña participado activamente nas tarefas de transferencia de coñecemento, que achegara valor ao proxecto, que estivera implicado e que conducira esa idea no seu itinerario ao mercado. “Non lles vale que simplemente esteas traballando nunha oficina de transferencia. Eu levo 29 anos traballando na universidade e tiña un amplo abano de experiencia para poder referir, pero a clave tamén estivo en facer ben a memoria e enfocala nestes puntos”, insiste López.

“Para adquirir este status necesitas estar na crista da onda” 

No día a día do seu traballo a acreditación non suporá grandes cambios, pero a partir de agora si terá a posibilidade de avaliar as candidaturas doutros profesionais que aspiren a obter o recoñecemento en calquera sitio do mundo, e incluso achegar a súa experiencia e asesoramento a outros profesionais que queiran conseguilo, tanto en Galicia como en España. “Para adquirir este status necesitas estar na crista da onda, estar ao día na función transferencia, desenvolver as túas capacidades e poñelas en xogo”, ao que engade que preparar a candidatura require tamén un importante esforzo de dedicación e tempo.