DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase en universidades europeas nos vindeiros meses, no marco do proxecto Erasmus+ Unifors

Docentes de seis países deseñan un curso sobre competencias transversais que mellorará a preparación do alumnado para o mercado laboral

Esta semana os docentes proban en Vigo os contidos que despois se impartirán a estudantes

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Académica
DUVI 06/02/2020

Ademais da formación académica, técnica e teórica, relacionada con cada grao, as empresas demandan cada vez máis certo tipo de coñecementos que as e os egresados non adquiren nas aulas. Son as chamadas competencias transversais ou soft skills, as que axudan a transformar o coñecemento en comportamento, como por exemplo a capacidade de traballar en equipo ou o pensamento crítico. Para dotar ao alumnado universitario deste tipo de formación, universidades e centros de investigación de seis países uníronse no proxecto Erasmus + Unifors, no que España está representada pola Universidade de Vigo a través da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O obxectivo desta iniciativa é aumentar as posibilidades dos estudantes de ter unha inserción máis rápida e mellor no mercado de traballo, potenciando as súas ‘soft skills’. Para facelo, as entidades implicadas levan varios meses traballando, como explica o director da EET, Íñigo Cuiñas, “no deseño dun curso de formación en competencias transversais necesarias nos empregos dos próximos años”. 

Os contidos deste curso están xa definidos e, ao longo desta semana, os socios do proxecto están no campus de Vigo realizando unha proba completa dos materiais preparados nas diferentes universidades implicadas, pero en lugar de estudantes, está sendo impartido a docentes. Unha vez testados os contidos, está previsto que o curso se imparta a alumando de cada unha das universidades implicadas entre os meses de abril e maio. Posteriormente completarase a formación cunha estadía conxunta en Bélxica durante o verán.

Enquisas ao alumnado universitario e ás empresas empregadoras

Para chegar a este punto, as entidades que impulsan Unifors levaron a cabo un profundo estudo sobre a fenda específica de habilidades e recolleron as mellores prácticas existentes no campo na Unión Europea. Comezouse realizando unha serie de enquisas entre alumnado e empregadores de cinco países diferentes (Bélxica, España, Polonia, Portugal e Romanía) para identificar cales das competencias transversais categorizadas nun proxecto anterior, explica Cuiñas, “resultaban de maior interese para ambos colectivos e cales se consideraban menos traballadas nos plans de estudo actuais”. Obtivéronse máis de 700 respostas de estudantes e 400 do tecido empresarial e, en base a elas, seleccionaron as oito competencias transversais que se van impartir no curso que se deseña no marco de Unifors: xestión do tempo, traballo en equipo, creatividade, pensamento crítico, pensamento analítico, resolución de problemas, comunicación interpersoal e toma de decisións.

Proba con docentes antes de impartir a formación ao alumnado

Dende onte mércores e ata mañá venres o profesorado participante no proxecto está a probar, como se de estudantes se tratase, os contidos do curso, para despois trasladar esta formación extra-curricular ao alumnado universitario en cada un dos países. Nos vindeiros meses, explica o profesor Cuiñas, realizarase o proceso de selección do alumnado da Universidade de Vigo interesado en participar no curso, e farase a través da ORI (Oficina de Relacións Internacionais), xa que se trata dun proxecto europeo e as e os elixidos completarán a súa formación durante unha semana en Liexa nos meses de verán xunto con alumnado doutras universidades. “Aínda non temos pechados os criterios de selección, pero será imprescindible certo nivel de inglés, polo carácter internacional da formación”, puntualiza Cuiñas.