DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Presentouse na Vicerreitoría unha curta dedicada ao homenaxeado no Día das Letras Galegas

Un documental, unha canción e moitas lembranzas en homenaxe a Antonio Fraguas

O acto contou con representantes da Real Academia Galega ou do Museo do Pobo Galego

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 16/05/2019

No traballo de busca de información para dar forma ao seu espectáculo musical Amantes da Terra, inspirado na vida e legado de Antonio Fraguas, o intelectual homenaxeado neste 2019 co Día das Letras Galegas, os artistas Quique Queiman e Andrea Pousa deron forma tamén a unha curtametraxe documental na que académicos, escritoras, familiares e persoas vinculadas ao etnógrafo de Cotobade realizan un breve percorrido pola súa vida e obra. Documental que, na xornada previa á conmemoración do Día das Letras Galegas foi presentado na sede da Vicerreitoría do campus, nun acto no que estrearon tamén o videoclip da canción Fraguas de Amor, realizada, tamén no marco deste espectáculo, a partires de versos tradicionais recollidos polo intelectual, e no que representantes da Universidade de Vigo, Real Academia Galega, Museo do Pobo Galego e Fundación Otero Pedrayo lembraron a figura deste mestre, historiador, etnógrafo e xeógrafo.

Como “unha moi boa oportunidade para pór en valor non só as nosas tradicións, senón tamén ás persoas que realmente aman a nosa terra”, presentou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, un acto que serviu para presentar a curtametraxe de Queiman e Pousa, así como o espectáculo de gran formato que se atopa nestes meses de xira por Galicia, e no que se insire Fraguas de Amor, unha canción composta por Sergio Gramary a partir de textos de cantigas populares recollidas por Fraguas. Nun acto conducido polo director da Área de Cultura, Educación e Integración do campus, Manuel Morquecho, que é ademais, un dos entrevistados no documental, Pousa explicou no marco de “meses de moito traballo compilando información” para Amantes da Terra xurdiu a posibilidade de levar a cabo “un documental de dez minutos, no que veciños, amigos, compañeiros de traballo e persoeiros da cultura galega nos achegan información moi valiosa sobre Antonio Fraguas”. 

Un intelectual cos pés “ben chantados” na terra

“A Universidade é unha parte máis da cultura de Galicia, do que somos”, engadiu Soto nun acto que, grazas ás intervencións dos diferentes participantes, permitiu que “a figura de Fraguas estea hoxe moi presente”. Nese senso, a escritora Fina Casalderrey, como representante da Real Academia Galega, incidiu en que “non toda Galicia sabe o que fixo este etnógrafo, historiador, xeógrafo e mestre no gran sentido da palabra”, unha das persoas “que fixeron tanto pola lingua en tempos difíciles”, poñendo en valor aspectos como o seu labor de compilación de cantigas populares, no que tamén incidiu Adrián Estévez, da Fundación Otero Pedrayo, que, como gañador do Premio Trasalba, editou en 1985 o Cancioneiro de Cotobade de Fraguas.

Francisco Calo Lourido, patrón do Museo do Pobo Galego, sumou por outra banda ao acto unha serie de lembranzas do que era o seu “grande amigo”, unha persoa que, engadiu, “tiña as súas raíces ben chantadas na terra, en Santiago de Loureiro de Cotobade”, mentres que Quique Queiman incidiu nos vínculos de Fraguas con Pontevedra, “onde tivo aos dous grandes mestres que o formaron como un soldado para a causa galeguista”, Losada Diéguez e Castelao. Miguel Fraguas, director do grupo de gaitas da asociación cultural Foula desta localidade e familiar do homenaxeado incidiu no “fantástico legado” deixado por un intelectual “que fixo bandeira do saber do seu pobo”, mentres que Xosé Braulio Mondragón, da asociación cultural Domingo Fontán de Portas, que colaborou ao igual que o resto de entidades participantes, no proceso de elaboración de Amantes da Terra, lembrou o papel xogado por Fraguas cando en 1978 se trasladaron os restos de Fontán ao Panteón de Galegos Ilustres.