DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os tres equipos do campus xogaron esta fin de semana nas instalacións universitarias

Dúas vitorias e un empate en xadrez na sexta xornada de liga

En baloncesto a categoría feminina gañou e a masculina perdeu

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 11/03/2019

Esta fin de semana os resultados deportivos dos equipos do campus de Ourense centráronse en xadrez e baloncesto. Os tres equipos de xadrez do Universitario Campus de Ourense acadaron na casa un empate e dúas vitorias na sexta xornada de liga. Xa en baloncesto, a categoría feminina gañou e a masculina perdeu nos encontro disputados.

Xadrez

Segundo explican desde o club de xadrez do campus de Ourense, o Universitario Campus de Ourense A empatou 2-2 co Grupo Nores Xadrez Marín, con vitoria de César Pérez, táboas de Manuel Álvarez e Lino Hermida e derrota de David Feijoo. En segunda división, o representante do campus gañou 2,5-1,5 a Attake Peonil, de Bande, con vitorias de Adrián González e Marcos Reza, táboas de José Javier Lamas e derrota de José Jaime González. Xa en terceira división, o equipo do campus gañou 2,5-1,5 a Xadrez Verín B, con vitorias de Paulius Mitka e Estela Fernández, táboas de Brais Fontán e derrota de Iría Souto.

Baloncesto

Polo que respecta ao baloncesto, as xogadoras do campus gañaron 44-60 ao CLB, de Vilagarcía de Arousa, manténdose no segundo posto da  primeira división autonómica feminina. A categoría masculina do Universitario Campus de Ourense visitou o sábado a Top Quality Cars Baloncesto Cambre, perdendo o encontro por un marcador final de 68-58. Con este resultado sitúanse no segundo posto da segunda fase (A1) da liga regular na primeira división masculina, por detrás de Obradoiro Silleda.