DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O sistema foi desenvolvido polo enxeñeiro informático e profesor Víctor Mondelo

ECGDT, unha ferramenta de apoio á diagnose de electrocardiogramas

O seu obxectivo é facilitar o traballo do persoal sanitario

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 21/01/2020

Un sistema informático de apoio á diagnose de electrocardiogramas que facilite o traballo do persoal sanitario na toma de decisión. Así se presenta Ecgdt, unha ferramenta “sinxela e intuitiva” creada polo enxeñeiro informático e profesor da Universidade de Vigo Víctor Mondelo e posta a disposición da comunidade científica en aberto.

O desenvolvemento de Ecgdt, indica o seu responsable, naceu tendo en conta como as enfermidades cardiovasculares son a principal causa de morte a nivel mundial, especialmente nos países desenvolvidos, e como a cardioloxía tamén se pode beneficiar dos avances da tecnoloxía, a través da informática, na detección, diagnose e tratamento de enfermidades. A creación da ferramenta contou coa colaboración de membros do Grupo Lia2 da Universidade de Vigo, ao que pertence o seu autor, e foi realizada no marco da tese de doutoramento de Víctor Mondelo, presentada este curso académico na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense co título Sistema de Apoio á Diagnose de Electrocardiogramas, dirixida por María José Lado e Arturo José Méndez.

“Considerando a elevada incidencia das enfermidades cardiovasculares, a relativa sinxeleza coa que un electrocardiograma permite obter gran cantidade de información sobre o funcionamento do corazón, e tendo en conta que na actualidade existen varios sistemas de monitorización de electrocardiogramas pero menos alternativas de diagnose”, apunta o investigador, “pareceunos interesante desenvolver un sistema de apoio á diagnose de electrocardiogramas como Ecgdt”. Estes sistemas, detalla, poden emitir “unha diagnose que despois ten que ser supervisada e validada polo persoal sanitario”.

Funcionalidade e deseño

Segundo explica Víctor Mondelo, é posible identificar a presencia de doenzas cardíacas a partir da análise dos patróns de normalidade dos latexos presentes no sinal. “A automatización destas tarefas nun sistema capaz de identificar de forma automática os latexos dentro do sinal, e as ondas dentro dos mesmos, xunto coas súas características esenciais, pode supor unha axuda ao traballo do especialista médico, aforrándolle unha cantidade considerable de tempo”, apunta o investigador.

O traballo que sustenta esta ferramenta informática, comenta o seu autor, partiu “do desenvolvemento dun sistema base que permite ler rexistros de electrocardiogramas, procesalos, representalos e exportalos”. Sobre esta base, engade, incluíu as funcionalidades necesarias para detectar latexos nos canais de forma individual, e sobre ditas funcionalidades aquelas necesarias para levar a cabo unha detección multicanal coa que obter unhas posicións máis precisas para os latexos mediante a combinación das posicións obtidas en todos os canais do rexistro. “A partir disto, engádense as funcionalidades que se necesitan para identificar as posicións das distintas ondas dentro de cada latexo e delinear as ondas sobre o sinal”, detalla o profesor.

Finalmente, detalla o enxeñeiro informático, a partir da información obtida previamente, incorpóranse no sistema ferramentas para obter diagnoses sobre a saúde cardíaca do paciente. O sistema resultante, Ecgdt, é, explica o seu creador, unha ferramenta estruturada, de forma que calquera usuario con coñecementos en análise e diagnose de electrocardiogramas pode empregala, independentemente do nivel de coñecementos informáticos dos que dispoña. Así, indica Víctor Mondelo, Ecgdt conta cunha interface “amigable e intuitiva, de fácil manexo e coas funcionalidades necesarias en cada momento sempre a man”.