DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha charla de José González, responsable da Unidade de Oceanografía

A Ecimat retoma o ciclo de conferencias Café con Sal

Afondou en como os modelos tróficos preditivos poden ser empregados para interpretar diferentes vari

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 17/09/2019

A Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, retomou este martes o ciclo de conferencias Café con Sal, unha actividade divulgativa sobre temas de investigación mariña que se vén desenvolvendo no centro desde o ano 2011 e que, como ano, realizou un pequeno parón estival. A charla correu a cargo nesta ocasión do responsable da Unidade de Oceanografía do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, José González, que impartiu a conferencia Assessing the effect of oil spills on the dynamics of plankton community using a model, unha intervención na que o investigador tivo a oportunidade de falar sobre como os modelos tróficos preditivos poden ser empregados como unha ferramenta sinxela para interpretar as variables non medidas empiricamente nun ecosistema mariño.

O modelado en ecoloxía mariña utilízase, sobre todo, con fins preditivos, pero en determinadas ocasións tamén resulta útil como ferramenta interpretativa para comprender os procesos involucrados na determinación da estrutura e a dinámica da cadea trófica. Neste sentido, e tal e como explicou o investigador, os modelos pódense utilizar para reproducir as variables medidas, o que facilita pistas importantes para determinar cales dos parámetros non medidos deben axustarse para reproducir as observacións. Neste sentido, durante a charla fíxose fincapé na utilidade do modelado para determinar as diferenzas entre comunidades ou para detectar os posibles efectos da achega de nutrientes e/ou tóxicos nunha comunidade determinada, mesmo en parámetros non medidos.

Na súa intervención González presentou o uso dun modelo simple, denominado NPDZ (Nutrients- Phytoplankton- Detritus- Zooplankton), para interpretar os resultados dos experimentos de  mesocosmos realizados durante o proxecto Impresión na ría de Vigo, un exemplo claro da aplicación interpretativa dos modelos de predición. Explicando os resultados dos experimentos realizados, o responsable da Unidade de Oceanografía da Ecimat tratou de demostrar que o modelado é unha ferramenta poderosa para explicar as diferenzas na dinámica de diferentes comunidade microbianas mariñas, o que permite ademais a detección de efectos tóxicos sutís, non sempre detectados pola interpretación directa de datos empíricos.

A seguinte charla terá lugar o martes 1 de outubro e correrá a cargo de Pedro Campoy, do grupo de Ecoloxía Costeira do CIM-UVigo. Como é habitual será ás 11.00 horas no salón de actos da Ecimat.