DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Consideran que a lexislación debería ser máis flexible e non distinguir entre tipos de apostas

Economistas vigueses analizan as vantaxes e inconvenientes do sistema impositivo das apostas deportivas

Valoran positivamente que os impostos se centren no beneficio das empresas, non na recadación

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 12/09/2019

A lexislación española debería ser máis flexible co sistema impositivo das apostas deportivas e non distinguir entre os diferentes tipos (mutuas, contraportidas, cruzadas...), senón enfocarse unicamente nos beneficios das empresas. Así o defenden un grupo de cinco investigadores e investigadoras do grupo Ecosot, Economía, Sociedade e Territorio, autores do proxecto de investigación Deseño de regras de reparto e medición das desigualdades laborais, financiado polo Ministerio de Economía e Competividade con algo máis de 50.000 euros e no que, entre outras múltiples cuestións, analizaron as principais vantaxes e inconvenientes do actual sistema impositivo que se aplica en España ás apostas deportivas, un mercado que está regulado pola Lei 13/2011, de 27 de maio.

Nos últimos anos moitos países europeos, incluída España, comezaron a regular o seu mercado de apostas e xogos en liña, non obstante, esta regularización non foi uniforme en todos os países. “No noso proxecto o que fixemos foi analizar as vantaxes e inconvenientes dos diversos sistemas de cara a facer achegas que poderían axudar a mellorar”, explica o catedrático Gustavo Bergantiños, investigador principal do proxecto.

Un negocio cunha longa tradición en España

As apostas deportivas teñen unha longa tradición en España debido á forte implantación das quinielas, pero a irrupción de Internet trouxo consigo unha forte revolución neste sector coa aparición das casas de aposta en liña que ofrecían unha gran variedade de xogos de azar, incluíndo as apostas deportivas, o póker ou o casino virtual. “A medida que Internet se facía máis popular estas empresas foron incrementando tamén a súa penetración, pasando de 90.000 a 370.000 usuarios e usuarias desde 2006 a 2010”, explica o investigador Juan José Vidal,  quen fai fincapé en  que naquel intre non existía aínda unha lexislación específica para o xogo en liña e as distintas propostas de lexislación que se barallaban non satisfacían nin aos casinos nin as casas de apostas. “Por facer unha analoxía, a problemática era similar a que se vive na actualidade cos taxistas e as empresas tipo Uber ou Cabify”, explica Vidal.

Segundo explica o equipo responsable deste proxecto, a lei de 2011 é moi similar ás existentes en outros países europeos, “se ben os pequenos detalles poden marcar grandes diferencias”, recalca Vidal, no senso de que quen fai unha aposta deportiva, ou xoga ao póker, non está necesariamente deixando todo ao azar, como acontece na lotaría ou na bonoloto. 

Tres tipos de apostas: mutuas, contrapartidas e cruzadas

As apostas deportivas divídense na actualidade en tres tipos: mutuas, contrapartida e cruzadas. “A quiniela é do primeiro tipo, que esencialmente é o mesmo que unha porra na que a recadación repártese entre todos e todas as que acertaron”, explica o investigador. Pola contra, as casas de apostas en liña ofertan basicamente os outros dous tipos: as apostas de contrapartida, nas que se poñen cotas, e as apostas cruzadas, nas que os xogadores/as negocian nun mercado entre eles e a casa actúa como intermediaria cobrando unha comisión. “Desde un punto de vista legal todo isto é moi importante porque existe unha clara distinción entre ofrecer un servizo, tipo taxis, ou ben actuar como intermediario entre particulares, tipo Blablacar, por seguir o exemplo dos taxis e as plataformas sociais”, recalca o investigador.

En xeral, o tipo impositivo pode ser de dous tipos: sobre o volume das apostas ou sobre os beneficios das empresas. No caso da quiniela dedica a premios o 45% da recadación, polo que é un tipo impositivo do primeiro tipo, pero este sistema é inviable para empregar en apostas de contrapartida ou cruzadas tal e como ofrecen as casas de apostas.

Como se podería mellorar o sistema?

Deixando de lado cuestións puramente lexislativas ou relacionadas coa problemática da adición ao xogo, “que nós non tratamos pero que sen dúbida son importantes”, os responsables da investigación salientan que, desde o punto de vista da teoría económica, unha das consecuencias positivas da lei de 2011 é que permitiu que quedasen moitas casas de apostas, algo que se produciu debido a que o tipo impositivo se concentra no imposto sobre o beneficio e non sobre a recadación. “Un imposto sobre a recadación sería totalmente equivalente a unha prohibición das apostas en liña”, recalca Vidal.

No lado contrario, como principal consecuencia negativa desta normativa, estes economistas constataron, “precisamente”, a marcha de moitas outras casas de apostas, algo que achacan a que a lei obriga ás casas de apostas a ceder o acceso aos compoñentes do sistema informático empregado para o desenvolvemento das apostas, o que, para boa parte delas, non é admisible.

Á pregunta de como se debería mellorar o sistema, responden con rotundidade: desde o punto de vista económico, a lexislación debería ser máis flexible e non distinguir entre tipos de apostas, senón enfocarse unicamente aos beneficios das empresas. “Tampouco debería forzar a permitir o acceso ao software, isto é algo que, por exemplo, impide a homologación coas lexislacións de outros países e fai inviable a libre participación entre usuarios/as”, conclúe Vidal.