DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes foi visitado polo reitor e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesio

O Edificio do Campus da Auga arranca a súa actividade

Nel está previsto que se instalen 16 laboratorios e arredor de 150 investigadoras e investigadores

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 01/10/2019

O edificio do proxecto de especialización do campus de Ourense, o Campus da Auga, xa está en funcionamento. Os diferentes grupos de investigación están instalándose nel e a docencia en laboratorios para o alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo comezou. Para coñecer en detalle como está arrancando a actividade nesta nova infraestrutura, este martes achegáronse a ela Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Carmen Pomar, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional. “O edificio vai a quedar espectacular en canto estea todo instalado”, dixo o reitor desta infraestrutura, da que a conselleira salientou como vai ser “o edificio vertebrador do Campus da Auga”.

A visita contou tamén coa asistencia de José Alberto Díez, secretario xeral de Universidades; as e os vicerreitores Esther de Blas, María Belén Rubio, José Luis Míguez e Mónica Valderrama; o secretario xeral da Universidade de Vigo, Miguel Ángel Michinel, e as e os responsables de centros do campus de Ourense, entre outros membros da comunidade universitaria. Durante o seu percorrido, as autoridades presentes puideron coñecer as instalacións, aos primeiros grupos de investigación que xa se están instalando na nova infraestrutura e os proxectos nos que están traballando. No edificio, financiado con case 4,5 millóns de euros pola Xunta de Galicia con Fondos Feder, está previsto que se instalen en total 16 laboratorios de investigación e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, abranguendo a arredor de 150 investigadores e investigadoras. Tamén se está instalando nel equipamento acadado para o campus na última convocatoria de axudas para infraestruturas científicas e tecnolóxicas do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Novos retos

Agradecendo o apoio da Xunta de Galicia ao proxecto de especialización do Campus da Auga, Manuel Reigosa salientou como a apertura do edificio vai permitir a investigadoras e investigadores “facer moito mellor o seu traballo, de xeito moito máis integrado, máis transdisciplinar e polo tanto acadar moito máis éxito”. O reitor salientou como “o campus de Ourense leva moito tempo traballando en temas de investigación relacionados coa auga e coa súa especialización”, recalcando a importancia de que “haxa unha especialización cada vez maior tanto no tema docente como no tema investigador”. Ante o proceso de acreditación dos campus de especialización aberto recentemente pola Xunta de Galicia, Manuel Reigosa indicou como “desde logo o campus de Ourense ten feito os deberes, temos xa unha agrupación estratéxica recoñecida pola Xunta de Galicia e agardamos que neste proceso de acreditación sexa un dos campus que máis rapidamente sexa quen de acadar o éxito”. Este recoñecemento, indicou, “vai a levar aparellado un novo pulo, un novo impulso, que agardamos que sexa tan importante como o que este edificio supón”.

Pola súa banda, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional animou á Universidade de Vigo a que inicie o procedemento de acreditación do Campus Auga e deste xeito culmine o proceso de especialización e fomento da investigación da que foi pioneiro en 2014, xa que foi o primeiro campus periférico especializado de Galicia. “Esta acreditación levará consigo un convenio coa Universidade de Vigo que eu creo que lle vai a dar moito pulo, máis se cabe, a este campus especializado da auga”, recalcou. Na súa visita Carmen Pomar salientou como o Campus da Auga “é moito máis que infraestruturas, o Campus da Auga é un concepto de especialización da docencia, da investigación e ademais de achegamento a un territorio”.  O importante, dixo, “é pór en valor toda a investigación que se fai nestes centros do Campus da Auga”, indicando como “estamos a falar de máis de 200 investigadores que dunha maneira directa ou indirecta van a colaborar nestas investigacións e dunha agrupación estratéxica fundamental para a cidade de Ourense e para a Universidade de Vigo”.

Laboratorios

O novo edificio, de tres plantas e máis de 3500 metros cadrados, está previsto que albergue doce laboratorios de investigación e catro laboratorios da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Concretamente, contan con un ou varios laboratorios na nova infraestrutura os grupos de investigación do campus de Ourense de Pranta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos; Enxeñaría Química; Biotecnia, Biotecnoloxía Industrial e Enxeñaría Ambiental; Química Analítica Ambiental e Toxicoloxía; Investigacións Agrarias e Alimentarias; Ephyslab; Enxeñaría Química 4 (Tecnoloxía dos Alimentos); Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e Laboratorio de Informática Aplicada. O novo edificio tamén dá soporte ao Campus da Auga e aos seus produtos, como son o Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga (Citaca) e o seu Programa de Doutoramento en Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento. Polo que respecta á nave que forma parte do edificio, o principal uso dela é para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que mentras non teña un edificio propio ten nela laboratorios de materiais; mecánica de fluídos; fabricación e motores. “Son equipamentos de alta calidade que permiten tanto un uso investigador como docente”, dixo o reitor ao respecto destes laboratorios. Nesta nave hai tamén un espazos de investigación en hidroloxía e outro en arqueoloxía, territorio e auga.

Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica

A preguntas das e dos xornalistas, a conselleira tamén se referiu ao estado de tramitación do Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica. “Para nós evidentemente o mestrado ten que ser liderado e estruturado desde a Universidade de Vigo e polo tanto desde este campus de Ourense, independentemente de que outras universidades colaboren na docencia”, dixo Carmen Pumar, que indicou como “o que temos moi claro é que tendo o grao de Aeronáutica pois neste campus evidentemente o mestrado ten que xurdir desde a Universidade de Vigo”.