DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrada a través de Campus Remoto e coa participación da dirección e alumnado do centro 

A EE de Minas e Enerxía achegou a súa oferta académica ao alumnado de Bacharelato nunha xornada de portas abertas virtual

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 25/06/2020

“Todos os anos facemos actividades de portas abertas de maneira presencial, e dende un principio consideramos que esta nova normalidade non nos ía facer rexeitar á celebración dunha xornada, neste caso virtual”. Así explica José Santiago Pozo, subdirector da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo, a decisión do centro de desenvolver este mediodía unha xornada virtual de portas abertas coa que darlle visibilidade, entre o alumnado de Bacharelato, ás titulacións que se imparten na escola, concretamente aos graos en Enxeñaría da Enerxía e en Enxeñaría de Recursos Mineiros e Enerxéticos. Na sesión celebrada a través de Campus Remoto e retransmitida a través de UVigo TV, e na que tomaron  parte, ademais da directora do centro, Elena Alonso, os coordinadores dos graos e alumnado dos últimos cursos, tamén se incidiu, co obxectivo de espertar vocacións entre as e os asistentes, na necesidade de profesionais dedicados á xestión de recursos minerais e enerxéticos. 

“O alumnado dos institutos e centros de FP de toda Galicia, que participou na xornada tamén tivo ocasión de achegarse a conceptos relacionados coas titulacións que impartimos, como son as enerxías renovables,  o medio ambiente, explotación de recursos minerais e recursos enerxéticos, o desenvolvemento sostible, os novos materiais ou o desenvolvemento tecnolóxico, ademais de poder coñecer a vida na Escola, a mobilidade internacional, as prácticas en empresas, etc”, explica o subdirector. Pozo tamén destaca o compromiso da dirección do centro, do profesorado e do alumnado con este tipo de actividades, “para dar así a coñecer a versatilidade (enerxía, materiais e medio ambiente) destes estudos de enxeñaría”, asegura.