DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os ourensáns mantéñense no terceiro posto do seu grupo na división de honra B estatal

O equipo de rugby do campus gaña ao Kaleido Universidade de Vigo RC

A categoría masculina de baloncesto continúa sumando bos resultados

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 02/03/2020

Esta fin de semana, o primeiro equipo de rugby do campus de Ourense sumou unha nova vitoria, neste caso fronte ao Kaleido Universidade de Vigo RC. Con este resultado, os ourensáns consolidan o seu terceiro posto no grupo A da división de honra B so rugby estatal. Igualmente sumou unha vitoria a categoría masculina de baloncesto, que se mantén invita no que vai de tempada.

Resultados en rugby

O encontro entre os dous equipos de rugby da Universidade de Vigo tivo lugar o sábado nas instalacións deportivas do campus de Ourense, sendo o resultado final de 22-17 a favor do Campus Universitario Ourense RC. Tamén en rugby pero xa na categoría sénior da Liga Galega, o representante do campus de Ourense perdeu 31-48 fronte ao Vigo Rugby Club. Ademais, a categoría feminina perdeu 40-5 fronte a Clube Rugby Coreti Lalín na Liga Galega de Rugby Feminino Copa Federación Galega de Rugby.

Continuidade en baloncesto

En baloncesto, o Universitario Campus Ourense masculino gañou o sábado 84-54 a CB Noia-Pavimentos Noia. Con este resultado, o equipo ourensán lidera a táboa na segunda fase A-2 da primeira división masculina. Na segunda fase B-1 da primeira división autonómica feminina, o representante do campus de Ourense perdeu o domingo 61-39 fronte a Estudiantes Lugo Leyma Natura, situándose no último posto do seu grupo.  

IV Torneo Garañón de fútbol gaélico

Esta fin de semana, o Auriense Campus da Auga FG xogou na Estrada o torneo anual que organiza Irmandinhos FG, o IV Torneo Garañón de fútbol gaélico. A categoría feminina acadou un segundo posto, tras perder ante o combinado Paris Gaels GAA e Zurich Inneoin GAA Club. A categoría masculina tivo peor sorte nos cruces e rematou nun quinto posto.

Desigual sorte en xadrez

Na quinta xornada da liga galega de xadrez disputada o sábado, o Universitario de Ourense acadou dúas derrotas e unha vitoria. En primeira división, o representante do campus perdeu contra Xadrez Ourense B por 3,5-05, con táboas de Manuel Álvarez e derrotas de Brais Gerpe, Álvaro Suárez e Lino Hermida. Na segunda división, o Universitario de Ourense gañou pola mínima (1,5-2,5) contra Círculo Chantadino Xadrez B, con vitoria de Adrián González e táboas de Marcos Reza, Miguel Reza e José Jaime González-Viso. Por último, xa en terceira división, o equipo universitario perdeu en Chantada 3-1 contra Círculo Chantadino Xadrez C, con vitoria de Sergio de Soto e derrotas de Gabriel Alcalde, Rodrigo Arias e Emilio Garrido.