DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A categoría masculina de baloncesto segue invicta

O equipo de rugby consolídase no terceiro posto do seu grupo tras gañar ao AVK Bera Bera RT

En fútbol gaélico o Auriense Campus da Auga tamén sumou esta fin de semana unha vitoria

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 02/12/2019

Ourense nas diferentes competicións celebradas esta fin de semana. O primeiro equipo de rugby consolídase no terceiro posto do seu grupo tras gañar a AVK Bera Bera RT e o de baloncesto masculino permanece invicto tras unha nova vitoria, neste caso fronte a Xuven Cambados.  

Vitorias en rugby e baloncesto

O sábado o Campus Universitario Ourense Rugby Club gañou 25-17 ao AVK Bera Bera RT no encontro disputado no campo das Lagoas-Marcosende, no campus de Vigo. Foi, indican desde o club, “unha vitoria máis nun partido ante un rival loitador”. Tras este resultado, os ourensáns apostan por “seguir traballando duro e con humildade” para o seguinte partido, que será en Getxo. Con oito vitorias e dúas derrotas no que vai de tempada, o Campus Universitario Ourense RC mantense no terceiro posto do seu grupo, o A, na división de honra B do rugby estatal. Tamén en rugby, a categoría sénior do club do campus perdeu 26-30 fronte a CRAT na Liga Galega de Rugby e a feminina gañou 31-24 a Kaleido Universidade de Vigo.

Polo que respecta ao baloncesto, os equipos do campus seguen a dinámica de resultados de anteriores xornadas de liga. A categoría masculina mantense como líder invicto do seu grupo na primeira división masculina tras gañar o sábado 74-39 a Xuven Cambados. A categoría feminina mantense no último posto do seu grupo na primeira división tras perder tamén o sábado 68-52 fronte ao CB Dorna.

Nova xornada de fútbol gaélico

En fútbol gaélico, o domingo o equipo Auriense Campus da Auga FG desprazouse a Val Miñor para disputar a quinta xornada da liga galega fronte ao equipo de Turonia GFG, celebrándose só o encontro da categoría masculina debido a que o equipo local no conseguiu xuntar o número necesario de rapazas. Nun partido disputado pero no que os ourensáns se impuxeron con claridade, o marcador final foi Turonia GFG 1-8 (11)-Auriense Campus da Auga FG 4-15 (27).