DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus sumouse este xoves á celebración do día da escritora galega

“Errantes” polo mundo de Rosalía de Castro

A programación foi realizada por alumnado e profesorado de Ciencias da Educación

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 27/02/2020

O pasado 24 de febreiro foi o Día de Rosalía, conmemoración posta en marcha pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coincidindo co aniversario do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro. Este xoves, o campus sumouse por cuarto ano consecutivo a esta celebración cunha sesión na que alumnado e profesorado de Ciencias da Educación amosou a súa creatividade xogando co lema elixido para esta edición, o de “errantes polo mundo”.

A mensaxe

“Neste acto o que quixemos foi render homenaxe á autora fundacional da cultura galega pero sobre todo facer un exercicio multidisciplinar, xa que están implicados nel 12 docentes da nosa facultade”, comentou a profesora de Ciencias da Educación Isabel Mociño en nome da organización. Con esta ampla e diversa participación, engadiu a docente, o obxectivo foi demostrar ao alumnado “que se pode traballar coordinadamente e que ademais se pode facer de modo que repercuta na vosa formación e incluso na nosa, na capacidade para o diálogo”. O acto deste xoves, indicou, pretendeu ser “unha pequena posta en común do traballo que se leva desenvolvendo nos últimos 15 días arredor de Rosalía de Castro”.

Ana Mª Torrado, directora da Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense, salientou pola súa banda “o traballo tan fermoso e colectivo” desenvolvido polo alumnado e profesorado participante nesta iniciativa, facendo fincapé en como “o traballo de todos xuntos é o traballo que en realidade dá froitos”. “É un orgullo vervos aquí a todos, colaborando cóbado a cóbado para celebrar algo tan bonito como é o nacemento de Rosalía de Castro, unha muller tan importante da cultura galega e tamén para as mulleres”, dixo Ana Mª Torrado. A directora destacou como a homenaxeada “fixo moito pola literatura galega pero tamén polas mulleres”, subliñando como Rosalía de Castro “soubo dar unha mensaxe de amor e compromiso coa terra, coa lingua, coas persoas, coa igualdade, coa xustiza...”, unha “mensaxe difícil nesa época, na que ser muller e falar galego non eran situacións doadas, pero unha mensaxe que máis de cen anos despois aínda segue vixente e sendo necesaria”.

A programación

O acto, que tivo lugar no Edificio de Ferro, comezou coa lectura do manifesto polo Día de Rosalía que realizou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e que nesta ocasión foi redactado por Daniel Asorey. A lectura correu a cargo de Isabel Mociño e de dúas estudantes. Seguíronlle diferentes actuacións nas que se implicaron numerosos alumnos e alumnas, como pezas de coreografía e música, lectura de poemas e un desfile de nubes, de creacións feitas polo alumnado no marco dun obradoiro no que a partir de materiais de reciclaxe as e os estudantes crearon nubes nas que se recolleron estrofas da escritora galega. Nestas intervencións o nexo común foi o poema de Rosalía de Castro Airiños, airiños aires, xogando coa idea de errantes escollida para a conmemoración deste ano do Día de Rosalía. Tamén se proxectou un vídeo realizado polo alumno Alberto Pena sobre os días de traballo de alumnado e profesorado que culminaron coa celebración deste xoves no campus.

Completando esta programación, tanto na Biblioteca Rosalía de Castro como no edificio de Ferro xa se pode ver unha mostra de poemas da escritora galega traducidos a múltiples idiomas. Concretamente, na biblioteca expóñense as traducións de Adios ríos, adios fontes a 30 linguas e no edificio de Ferro a tradución a 22 idiomas de Airiños, airiños aire. No panel de cada tradución hai un código QR no que o público pode consultar vídeos e outros contidos do país onde se fala a lingua desa tradución.