DUVI

Diario da Universidade de Vigo

20 especialistas participan nun libro coordinado polos profesores Rafael Vallejo e Carlos Larrinaga

A España turística que naceu antes do franquismo

A base empresarial e organizativa do sector turístico xa estaba posta antes da Guerra Civil

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
M. Del Río DUVI 24/06/2019

O turismo como actividade económica ten máis dun século de historia, as súas orixes remóntanse a finais do século XIX e principios do XX, a pesares de que se adoita situar o seu nacemento a partir da década de 1950, coa apertura da España franquista ao exterior. Este é o punto de partida do libro Los orígenes del turismo moderno en España. El nacimiento de un país turístico 1900-1939, publicado pola editorial Sílex e coordinado polo profesor da Universidade de Vigo Rafael Vallejo e polo profesor da Universidade de Granada Carlos Larrinaga. “Ata este momento non existía unha publicación que tratese o turismo, que é un fenómeno sociolóxico e económico complexo, con tanta amplitude e perspectivas para o período histórico que vai desde 1900 a 1939”, remarca Vallejo. 

Esta monografía ofrece unha visión actualizada, “innovadora en moitos aspectos”, das orixes do turismo moderno en España nos 40 primeiros anos do século XX, incluíndo os anos da Guerra Civil. Segundo explica o catedrático da UVigo, “trátase o turismo en España nesta etapa histórica desde todas as perspectivas posibles: a economía do turismo, a xeografía turística, a política turística, a publicidade e a promoción turística, a arquitectura ao servizo do turismo, transportes e turismo, as modalidades turísticas (dende natureza ata cruceirismo ou o turismo relixioso)”. O libro consta de 25 capítulos e a colaboración dunha vintena de especialistas, como Margarita Vilar e Elvira Lindoso, da Universidade de A Coruña, e Kirsty Hooper, da Universidade de Warwick, que forman parte do grupo de investigación Turhisgal, que dirixe Vallejo. 

As primeiras manifestacións turísticas, con orixe decimonónica

Este estudo parte da idea de que hai  turismo moderno cando existe unha explotación industrial do mesmo, o que implica que “a viaxe é concibida como un negocio”. Atendendo a esta definición, as primeiras manifestacións do turismo en España teñen unha orixe decimonónica, nas décadas de 1830 e 1840, pero cun carácter inicialmente “minoritario e elitista”. Neste contexto fanse ‘famosos’ destinos como San Sebastián ou Santander, a onde acoden mesmo membros da familia real. “Pero as xeografías turísticas son máis amplas e diversas” e Galicia, por exemplo, tamén está incorporada á xeografía turística no século XIX. “Explicouno moi ben Emilia Pardo Bazán nunha crónica publicada en 1891 no periódico pontevedrés La Correspondencia Gallega”, na que relataba a chegada dos "primeiros turistas". É neste marco no que gañan peso en Galicia infraestruturas turísticas como o Gran Hotel Balneario de Mondariz (1898) ou o Gran Hotel de A Toxa (1907-1908). A partir do primeiro terzo do século XX o turismo foi a máis. Fíxose máis amplo socialmente, máis extenso xeograficamente, e nesta crecemento teñen moita relevancia os vapores de pasaxe, os trens e a irrupción do automóbil, “que revolucionan a mobilidade”.

Todos estes datos constatan que o sector turístico español non naceu da nada na década de 1950, senón que “as bases empresariais e institucionais quedaron sentadas en 1936”, remarca Rafael Vallejo. De feito, segundo un orixinal Índice de Intensidad Mediática elaborado por Vallejo, Lindoso e Vilar, que permite identificar os ciclos turísticos, “o turismo entre 1900 e a Guerra Civil seguiu a mesma traxectoria do turismo internacional" e, atendendo aos datos da Sociedade de Nacións, nos anos previos á Guerra Civil, España “era xa un país emerxente” e en 1931 o país ocupaba o posto 13º no ránking mundial de países turísticos, e en 1933 xa era 9º. 

Case calquera modalidade turística actual xa existía antes da Guerra Civil

Segundo os expertos, practicamente calquera forma de turismo existente na actualidade estaba presente en España en vésperas da Guerra Civil (montaña, neve, deportes náuticos, desprazamentos a partidos de fútbol e circuítos de automóbiles, feiras e exposicións, conmemoracións da semana santa e das festas da primavera e do verán (fallas, fogueiras de San Xoán en Alacante), turismo cultural ás cidades históricas, praias e baños de sol, primeiras manifestacións do campismo, etc. Pero o levantamento militar de 1936 “o turismo como actividade económica afundiuse”. Con todo, Vallejo lembra xurdiron varias modalidades de turismo de guerra, “a máis rechamante” foron os chamados Circuítos de Guerra, “para levar estranxeiros por provincias e localidades "liberadas" polas forzas da España Nacional”. Cunha finalidade fundamentalmente “ideolóxica e publicitaria”, Tui, Vigo ou  Santiago formaban parte deses circuítos nacionais de 1938-1939. 

Pero a pesar de que a guerra afectou ás empresas turísticas (transportes, hoteis, entretemento para os turistas, axencias de viaxes, etc.) “o fundamental desas bases materiais e humanas permaneceu”, puntualiza o docente da Universidade de Vigo, e o goberno franquista empezou a reconstruír, dende 1938, a administración turística que xa existía en España en 1936. A base empresarial e organizativa estaba posta antes da Guerra Civil, período no que España xa era referente para a viaxe organizada por operadores estranxeiros e estas bases foron os eixos sobre os que a corrente do turismo volveu empezar a fluír despois da II Guerra Mundial en 1945; vese moi ben en Mallorca, por exemplo, que enseguida se reenganchou ao turismo de masas postbélico”.

Primeira cartografía turística por provincias

Unha das grandes novidades deste libro é que presenta por vez primeira unha cartografía turística, un mapa das 22 provincias máis turísticas de España entre 1927 e 1934, elaborado por Vallejo coa colaboración de Aida Ovejero e Gonzalo Méndez, do Departamento de Ciencias Mariñas e Ordenación do Territorio. En xeral, dominaban nesta xeografía turística as provincias litorais, con Guipúscoa e as illas Baleares á cabeza, seguidas de Barcelona, Madrid e Sevilla. A Coruña e Pontevedra tamén estaban entre esas 22 provincias máis turísticas do país e, segundo Vallejo, nese mapa turístico da década de 1930 están sentadas as bases da xeografía turística da España da segunda metade do século XX. “Pódese concluír facilmente que a xeografía turística do país xa estaba definida nas vésperas da Guerra Civil, se ben a intensidade das provincias mediterráneas gañou peso relativo tras a década de 1950”.

25 capítulos e unha vintena de autores

Os 25 capítulos do libro están asinados por unha vintena de expertos de universidades de Europa e EEUU. Nos seus artigos repasan diferentes aspectos e perspectivas do sector turístico e da súa historia, como a economía e a política turística, as asociacións de turismo activo e de fomento do turismo, a publicidade e a imaxe de país, as empresas turísticas, o papel dos medios de transporte modernos, tipoloxías de turistas e modalidades de turismo máis importantes, a arquitectura ao servizo do turismo ou a conformación dun sistema turístico e as súas diferencias rexionais. Por todos estas achegas e investigación, este libro “sitúa a Historia do turismo español á altura das respectivas historias nacionais do turismo que se elaboraron noutros países turísticos líderes como Francia, Italia, Gran Bretaña ou Suíza”, sostén Vallejo.