DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A aula permanente do campus conta este curso con preto de 40 alumnos e alumnas

Un espazo no que facer xerminar e medrar a paixón pola música tradicional

Baixo a dirección de Suso Vaamonde, combina os niveis de iniciación e perfeccionamento

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/02/2020

Das primeiras nocións respecto dun instrumento concreto á preparación dun repertorio común para un concerto de fin de curso, a Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus busca, por terceiro ano consecutivo, espertar e facer medrar a paixón e o interese dos seus preto de 40 alumnos e alumnas polos instrumentos populares galegos e pola música tradicional. Baixo a dirección do músico e docente Suso Vaamonde, esta actividade pechaba recentemente a súa inscrición para o segundo cuadrimestre, no que as e os participantes combinan a aprendizaxe dun ou varios instrumentos coa interpretación en conxunto dunha serie de pezas para futuras actuacións.

Tanto estudantes, docentes e persoal de administración e servizos como e persoas alleas á comunidade universitaria participan, desde principios de outubro, nas clases que cada semana se desenvolven na Escola de Enxeñaría Forestal. “A metade son alumnos que xa estaban o curso pasado e continúan, pero tamén temos moita xente que se incorporou este curso por primeira vez, a maioría de fóra da Universidade”, apunta Vaamonde respecto dunha aula que reúne “a xente de todas as idades, desde estudantes do campus ata xubilados”, contando mesmo entre o seu alumnado cun rapaz de 12 anos.

Coñecer, avanzar e perfeccionar

Ao igual que nas anteriores edicións, esta aula permanente estrutura as súas sesións semanais en bloques dedicados a diferentes tipos de instrumentos. Así, cada xornada comeza co traballo cos grupos de iniciación e avanzado de gaita, para logo, nunha segunda hora, centrarse nos instrumentos de percusión, como tambores, bombos, pandeiros, pandeiretas ou tarrañolas. A parte final de cada xornada dedícase a acordeóns, zanfonas, frautas, requintas e ocarinas. “Distribuímonos por grupos, segundo os niveis e os instrumentos e imos avanzando”, explica Vaamonde, que foi profesor de música tradicional no Igaem, na Agadic e no Centro Coreográfico Galego, ademais de contar tamén cunha ampla traxectoria como músico en formacións como Vaamonde, Lamas & Romero, Luva Verde, Lelia Doura ou Cantata Vernácula. Trátase, sinala, dunha aula aberta tanto “a xente que comeza de cero ou que xa toca un instrumento pero quere aprender outro” como a aqueles que buscan perfeccionar o seu manexo dun determinado instrumento. De feito, un dos seus obxectivos é tamén esperar o interese porque as e os participantes “coñezan en xeral todos os instrumentos”, aínda que, neste segundo cuadrimestre, buscarase que avancen no dominio do que seleccionaran, pensando na futura actuación de fin de curso. 

Con ese obxectivo no horizonte, resérvase en cada xornada unha hora dedicada ao traballo conxunto, á posta en común dun repertorio, xa que “a nosa intención este curso é facer un concerto no que a maioría, a poder ser todos, poidan participar e tocar varias das pezas”, explica Vaamonde. De feito, sinala este experto en música tradicional, “estamos avanzando bastante ben e bastante rápido, polo que atrévome a dicir que imos ser capaz de tocar oito ou nove pezas moi dignamente”.

Visitas e futuras colaboracións

Con ese mesmo obxectivo de formar ao alumnado non só no manexo dun instrumento concreto, senón na riqueza da música tradicional, esta aula permanente complementa as súas sesións con actividades como a visita ao obradoiro de gaitas Gil que o pasado mes de decembro levou as e os participantes “a coñecer en directo como se fai unha gaita, que é o noso instrumento máis representativo, e falar directamente cos artesáns”. Do mesmo xeito, xunto ao concerto de fin de curso, “que a nosa intención é que sexa un espazo público”, sinala Vaamonde, a aula traballa tamén na posibilidade de organizar unha actuación conxunta co Coro do Campus nos próximos meses.