DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último estudo do Observatorio de Neoloxía

Especialistas da Universidade detectan máis de 2000 neoloxismos en lingua galega en só un ano

Sexodiversidade, webisodio, deseucaliptizar, cibercrime, bioinformática… son algúns dos máis comúns

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 23/04/2019

Sexodiversidade, webisodio, deseucaliptizar, cibercrime, bioinformática, ecocidade, mentoring, neorretranca, antitouradas…. Así ata 2144 novas palabras detectadas para o idioma galego en só un ano. Este é o principal dato do último informe emitido polo Observatorio de Neoloxía da Universidade de Vigo, un equipo de traballo con máis de vinte anos de experiencia dirixido polos docentes do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Xosé María Gómez Clemente e Alexandre Rodríguez Guerra e do que tamén forman parte as investigadoras Ana Fernández Berrocal, Gema Rocha Molina e Anabel Garrido García.

Entre os casos que máis chaman a atención, “por producir un impacto neolóxico moi salientable”, destacan palabras como sexodiversidade, webisodio –episodio dunha serie producida para Internet-, neorretranca, cinear –dirixir películas-, eucaliptizar, deseucaliptizar, deseucaliptizador ou ecocabicha. “Porén, tamén é interesante ver, por exemplo a rendibilidade de certos compostos como biodanza, biofilm, bioinformática, cibermedio, cibervoluntario, cibercrime, ecofascista, ecocidade, ecogranxa; ou a de certos prefixos ou sufixos en binormativismo, capacitismo, hiperreducionismo, decisionismo, ultramorte; ou a de certos préstamos como podcasting, hater -nunha rede social- ou mentoring”, explica o docente Xosé María Gómez Clemente, quen pon encima da mesa a posibilidade de que no futuro se puidese escoller o neoloxismo do ano, despois de votaren os/as falantes, unha iniciativa que se podería unir á da ‘palabra do ano’ que desenvolve a Real Academia Galega.

A meirande parte destes candidatos a neoloxismos créanse a partir de procedementos que identifican como formais (recuncamento, breoganista, museable; anti-austeridade, neotopónimo, contrapiquetes; secapastas; aerotermia, autopublicidade...), unha oitava parte, aproximadamente, son estranxeirismos maioritariamente sen adaptar (quiche, photocall, fake news, calzone...) e hai tamén algúns exemplos de neoloxismos semánticos (tuiter, tubo...).

A vitalidade do galego é semellante á do español ou do portugués

A extracción destas novas palabras realízase a partir dun corpus de análise constituído por publicacións en liña como Código Cero, Galicia Confidencial, GCiencia, Praza Pública, Sermos Galiza ou o propio Diario Dixital da Universidade de Vigo, Duvi. “O número de neoloxismos depende, entre outras cousas, da cantidade de fontes que se analicen. Nestes momentos nós analizamos 13 (prensa e blogs): dúas delas semanalmente, os xornais Sermos Galiza e Praza Pública; as outras unha vez ao mes”, salienta Rodríguez Guerra, quen recalca que se a extracción se fixese con maior intensidade, habería máis candidatos. “Con todo, consideramos que a cantidade de 2144 novas palabras distintas en 11 meses amosa suficientemente o grao de vitalidade da lingua galega, unha situación bastante semellante á que pode ocorrer en linguas coma o catalán, o español, o portugués ou o italiano”, recalca o docente.

A comezos de 2018 puxeron en funcionamento un extractor seminautomático de candidatos a neoloxismos. “O programa o que fai é recoller unha serie de unidades léxicas que non aparecen nun corpus de exclusión baseado nos dicionarios galegos. Non todas as unidades que se seleccionan son axeitadas e cómpre facermos unha revisión manual para escolmar aquelas que verdadeiramente poidan ter un carácter neolóxico. Despois disto, clasificámolas polo seu procedemento de formación, dámoslles unha categoría gramatical e, se é necesario, unha definición”, explica Gómez Clemente.

Para ser considerado definitivamente un neoloxismo, desde o observatorio teñen que comprobar que cumpre definitivamente con algunhas das características xerais que estas unidades teñen: o feito de non estaren no dicionario é un criterio que se aplica a través do programa pero necesítase tamén comprobar se hai un criterio obxectivo de novidade na palabra, se é percibida coma tal polos falantes e se se pode documentar unha determinada extensión do seu uso.

10.000 novos rexistros desde 1997

Todos estes resultados de investigación foron presentados recentemente na III Xornada de Neoloxía celebrada na Facultade de Filoloxía e Tradución e na que se contou coa participación de Fernando Ramallo, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, departamento que leva varios anos colaborando co observatorio; o propio persoal do observatorio, e de Judit Freixa, coordinadora do Observatori de Neologia da Universitat Pompeu Fabra. Ademais contouse tamén coa asistencia, entre outros, do profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Xavier Gómez Guinovart, coordinador do grupo de investigación TALG, Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega, ao que pertence o propio Observatorio de Neoloxía.

Na actualidade a Neoteca da Uvigo contén máis de 10.000 rexistros neolóxicos identificados e documentados nun corpus de prensa galega publicada desde 1997. Cada rexistro inclúe información contextual, datación, fonte, categoría gramatical e procedemento de formación léxica.