Convócanse dúas axudas para participar nunha estadía de dez semanas na cidade de Pelotas
Estudantes do campus poderán desenvolver proxectos a prol da inclusión no Brasil
Formarán parte de equipos multidisciplinares, ao abeiro do proxecto europeo ‘Lapassion’
Dous estudantes do campus de Pontevedra poderán contribuír, como parte de equipos multidisciplinares integrados por alumnado de diferentes países e titulacións, ao desenvolvemento de proxectos dirixidos a promover melloras en materia de accesibilidade e inclusión na cidade de Pelotas. Ata o 31 de xaneiro permanece aberta a convocatoria de dúas axudas para participar nas estadías de dez semanas que, entre marzo e maio, se levarán a cabo nesta cidade brasileira ao abeiro do proxecto europeo Lapassion (Latin America Practices and Soft Skills for an Innovation Oriented Network), que coordina o Instituto Politécnico do Porto e no que participan institucións de España, Portugal, Brasil, Chile e Uruguai, entre as que se atopa a Universidade de Vigo, a través do Campus Crea.
Dirixido a mellorar as competencias transversais do alumnado, a través do traballo en grupos multidisciplinares que deben desenvolver unha serie de proxectos dirixidos a promover melloras para a comunidade, a estadía que se levará a cabo entre o 23 de marzo e o 29 de maio en Pelotas, baixo a coordinación do Instituto Federal Sul-río-grandense, terá como eixos a accesibilidade e a inclusión. “Establécese un marco máis ou menos xeral de traballo, pero logo os obxectivos dos proxectos tamén están definidos en parte polos propios estudantes”, explica o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, dunha estadía que celebrou o pasado mes de novembro en Pelotas a súa reunión preparatoria, na que participou a profesora de Belas Artes Silvia García.
Ata o venres 31 de xaneiro permanecerá aberto o prazo de presentación de solicitudes á convocatoria de dúas axudas de viaxe e estadía, de 1100 e 3010 euros, que poderán solicitar as e os estudantes de grao e mestrado das diferentes titulacións do campus pontevedrés que conten cun nivel acreditado de inglés B1.
Unha experiencia vital que mellora as aptitudes profesionais
Na anterior edición destas estadías, tres alumnas e un alumno do campus participaron en Brasil e Uruguai no desenvolvemento de proxectos dirixidos a contribuír á mellora do índice de desenvolvemento humano no estado brasileiro de Maranhao e das condicións de vida de infancia en Montevideo. “Viñeron encantados, para eles foi unha experiencia vital extraordinaria”, salienta Souto dunha iniciativa que lles leva a “estar fóra da casa, participando nun proxecto importante, que vai axudar a outra xente e convivindo con persoas totalmente diferentes a eles, con outra formación académica e outras vivencias culturais”. Pero, máis aló da experiencia, esta iniciativa tamén contribúe a que as e os participantes poidan desenvolver unha serie de habilidades “que son moi demandadas e moi importantes para as empresas”, como podería ser a “capacidade de liderado ou de traballo en equipo”, salienta o director do Campus Crea.
Sesións informativas no campus
Co propósito de explicar máis polo detalle a convocatoria e as características do proxecto europeo, así como de achegar exemplos do traballo realizado en anteriores estadías, desde a Vicerreitoría do campus organizáronse unha serie de sesións informativas para o alumnado. As primeiras terán lugar o vindeiro xoves 23 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ás 9.30 horas, en Ciencias da Educación e do Deporte, ás 11.30, e na Facultade de Belas Artes, ás 13.30. Nestes mesmos centros, as reunións levarase a cabo de novo o martes 28, ás 11.00 en CCSS e da Comunicación, ás 11.45 en Ciencias da Educación e do Deporte e ás 13.00 horas en Belas Artes.
Tres anos de traballo
Financiado con preto dun millón de euros polo programa comunitario Erasmus+, Lapassion arrincou en 2017 coa participación de 15 institucións de Europa e América Latina e coa Universidade de Vigo como responsable do seu plan de calidade. “Os proxecto estase desenvolvendo moi ben, todos os indicadores de calidade son moi positivos e a valoración, tanto das reunións de xestión como dos proxectos multidisciplinares está a ser moi positiva, recoñece Souto, que o pasado mes de decembro participaba en Montevideo no Management Meeting deste proxecto europeo.