DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de aprendizaxe-servizo, realizarán enquisas ao alumnado dos diferentes centros 

Estudantes de Dirección e Xestión Pública avalían o grao de coñecemento dos servizos do campus

A actividade completarase coa elaboración e presentación dun informe

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/02/2020

Coñecer que servizos oferta a Universidade de Vigo no campus de Pontevedra, para logo preguntar ao alumnado das diferentes facultades e escolas polo seu grao de coñecemento e uso, co propósito de propor posibles melloras nun informe final. Ese é o traballo que ao longo do cuadrimestre desenvolve un grupo de estudantes do Grao en Dirección e Xestión Pública da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no marco do proxecto QTeam. Mellora o teu campus, unha das iniciativas de aprendizaxe-servizo seleccionadas na convocatoria impulsada a finais do pasado curso pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación e a Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado. “A idea é que o servizo que dean os estudantes do grao sexa pór en valor os servizos do campus e a capacidade de que o alumnado os coñeza, os use ou incluso os mellore”, salienta o profesor Enrique Varela, coordinador dunha iniciativa que se insire nas actividades da materia Xestión pública e organización de servizos públicos.

Na actividade participan, divididos en dous grupos, preto de 20 estudantes, e dá continuidade a unha serie de “prácticas de aula” que en cursos anteriores xa levaron ao alumnado da materia a analizar os servizos do campus, aínda que esta vez sustentándose, como sinala Varela, nunha “metodoloxía concreta”, que busca que as e os estudantes poñan en práctica os coñecementos adquiridos nun contexto real. Con ese propósito, engade, o proxecto ten como destinatario ao alumnado do campus “e como socio á Vicerreitoría”. De feito, a presentación da actividade ao alumnado contou coa participación do vicerreitor, Jorge Soto, que destacou o positivo de que, no marco da convocatoria impulsada pola institución académica, se desenvolvan no campus diferentes proxectos de aprendizaxe-servizo, “que teñen que ver coa dinamización de aspectos da aula, pero levados tamén á fóra, ao terreo do día a día”. Soto, que tratou de dar a coñecer entre as e os participantes no proxecto como é “o funcionamento no día a día” da Vicerreitoría, subliñou que este tipo de iniciativas “son moi positivas para o campus, principalmente porque nelas a intervención ten como principais protagonistas aos alumnos e alumnas”. 

Coñecer, preguntar, avaliar

Nun proxecto que busca “conectar a aprendizaxe e o desenvolvemento de competencias na aula co servizo que queremos que lle dean ao alumnado do campus”, a primeira fase pasa porque as e os propios participantes coñezan tanto “que son os servizos públicos e como é a súa organización e xestión”, como cales son aqueles que a institución académica presta en Pontevedra. “Antes de facer propostas, teñen que saber cales son os servizos que ofrecen as diferentes facultades e escolas, así como a Vicerreitoría”, para logo poder preguntar ao resto do alumnado polo “seu grao de coñecemento destes servizos, que esperan deles, se quererían outros...”, explica Varela. O obxectivo é que cada grupo deseñe un cuestionario, que poida ser trasladado, neste caso por vía telemática, ao alumnado dos diferentes centros. “Non estamos facendo un traballo de consultoría, a idea é que se dean conta do difícil que é desenvolver un cuestionario, analizar os datos...”, engade o docente dunha actividade coa que o alumnado “dáse conta de que aquilo que está aprendendo ten utilidade”, e que ademais permitirá ademais que os propios estudantes de Dirección e Xestión Pública “se dean a coñecer ao resto do alumnado”.

Unha vez recollidas e analizadas as súas opinións, os grupos elaborarán un informe que recolla “aquelas propostas de mellora que poidan xurdir” e que presentarán tanto ao vicerreitor como de xeito público. “Un proceso de aprendizaxe-servizo implica que se faga unha presentación ao colectivo co que se traballou, que neste caso son os alumnos”, salienta Varela desta última fase da iniciativa, que se levará a cabo a finais de abril.