DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora María D. Dapía é a súa responsable

Un estudo afondará no papel da educación social na atención de persoas maiores con alzhéimer e outras demencias

Tras gañar unha bolsa convocada pola Fundación Dorzán en colaboración coa Universidade

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 12/06/2019

O proxecto Intervención socioeducativa desde a educación social en persoas maiores con alzhéimer ou outras demencias é o beneficiario da terceira bolsa que a Fundación Dorzán, institución privada sen ánimo de lucro centrada no colectivo da terceira idade, convoca coa colaboración da Universidade de Vigo co obxectivo de fomentar a investigación sobre a terceira idade.

A bolsa é froito dun convenio marco de colaboración asinado en 2017 entre a Universidade de Vigo e a Fundación Dorzán. A través da súa convocatoria, a fundación financia un traballo coa cantidade de 1500 euros, podendo presentar propostas alumnado do campus de Ourense e persoal docente e investigador da Universidade de Vigo. O obxectivo último desta iniciativa é potenciar o estudo e investigación de técnicas ou protocolos que axuden a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e que poidan aplicarse con posterioridade noutros ámbitos.

A autora da proposta elixida nesta edición, que se desenvolverá ao longo de 2019, é María D. Dapía, profesora da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Segundo explica, “o obxectivo xeral desta investigación é aproximarse á realidade da intervención socioeducativa que realizan as e os profesionais da educación social dirixida á atención de persoas maiores afectadas pola enfermidade de alzhéimer ou outro trastorno neurocognitivo maior, non só co colectivo senón tamén con familiares ou no ámbito comunitario”.

“O colectivo de persoas maiores é un dos ámbitos profesionais de actuación dos educadoras e educadoras sociais non só porque aparece recollido na lexislación da titulación senón tamén porque se está convertendo nun dos nichos de emprego actualmente máis dinámicos, motivado polas condicións demográficas e sociais”, explica María D. Dapía sobre a relevancia do tema que se abordará no seu estudo. As asociacións de persoas maiores, de familiares de alzhéimer, os centros sociais, fundacións, centros de atención diúrna ou centros residenciais, detalla, son referentes laborais para os titulados en Educación Social.

Traballo cualitativo

Neste contexto, o proxecto premiado pretende identificar documentos científicos que analicen a intervención socioeducativa da educación social con estes pacientes e determinar a presenza de profesionais da educación social nos dispositivos de atención dirixidos a persoas afectadas por estas enfermidades e delimitar as áreas da acción socioeducativa e actividades que son levadas a cabo e nas que interveñen actualmente as e os profesionais da educación social. A investigación tamén quere identificar os factores que facilitan e dificultan a destes profesionais neste ámbito e, se procede, detectar necesidades formativas non cubertas.

Para a consecución dos obxectivos, a investigación, explica a súa responsable, terá un enfoque metodolóxico de corte cualitativo. Nela farase unha procura de entidades sociais dirixidas a persoas maiores con alzhéimer a través do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, particularmente en residencias e centros de día, para pórse en contacto coas mesmas e identificar en cales hai educadores e educadoras sociais. O estudo, explica Dapía Conde, pretende chegar a identificar unha mostra de entre 15 e 20 educadores e educadoras sociais que traballen con persoas con alzhéimer no ámbito galego, con representación dos distintos tipos de dispositivos existentes (centros residenciais, centros de día e asociacións de familiares de enfermos de alzhéimer). As técnicas e instrumentos de recollida de datos serán bibliométricas e documentais e entrevistas/cuestionarios aos educadores e educadoras sociais localizados.