DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora da Ecimat Tania Ballesteros impúxose a outros sete participantes no certame

Un estudo sobre o carallo de mar gaña a primeira edición do concurso MARatón 

Celebrouse o 7 e 8 e de maio no Tinta negra bar de Vigo 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Premios
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 09/05/2019

A exposición dun proxecto de investigación no que traballa de xeito conxunto o persoal investigador da Ecimat (Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM), do CIMA (Centro de Investigacións Mariñas da Xunta de Galicia) e de Ánfaco-Cecopesca sobre o cogombro ou carallo de mar, gañou a I edición do concurso MARatón, unha iniciativa do Laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños e o CIM, co obxectivo de divulgar, en tan só oito minutos, entre un público non especializado, o traballo que desenvolven as e os investigadores. Tania Ballesteros, técnica da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla foi quen, coa súa exposición No mes de maio…Falemos do carallo de mar!, de impoñerse ás e aos outros sete participantes na primeira edición do certame, que se celebrou onte e ante onte no Tinta negra bar de Vigo.

“Tania Ballesteros transmitiu na súa exposición a paixón que ten polo traballo de investigacion que está a realizar desde hai anos, así como as súas dotes de divulgadora, que habitualmente pon en práctica nas visitas que grupos de escolares realizan ao CIM”, explica Alba Hernández, técnica de investigación da Ecimat e responsable de comunicación e divulgación do CIM-Uvigo, sobre a gañadora do concurso, nacido da man da investigadora María Fernández, estudante de predoutoramento da Universidade de Vigo. Ballesteros é investigadora contratada con cargo ao proxecto Estudo da bioloxía, status poboacional e diversidade xenética da holoturia na ría de Vigo, que ten como obxectivo xeral ampliar o coñecemento sobre o cogombro de mar (Holothuria forskali) en todos aqueles aspectos que resultan máis relevantes para a súa xestión pesqueira, así como establecer sinerxías e liñas de traballo cos axentes interesados, co fin de deseñar as liñas de investigación e colaboración necesarias.

Pola súa banda, David Santos estudante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación coa súa exposición Ruído submariño na ría de Vigo e Andrea Muras, do Grupo Acuicultura e Biotecnoloxía da USC con Quorum Sensing: a incrible historia de Vibrio fisheri e o calamar hawaiano, acadaron o segundo e terceiro premio, respectivamente. A gobernanza pesqueira, a microbioloxía mariña, a alimentación das bacterias, ou a fixación biolóxica do nitróxeno na ría de Vigo, son outros temas sobre os que versaron as exposicións das e dos participantes no MARatón, un grupo caracterizado pola diversidade dos seus perfís, incluíndo tanto estudantes e persoal investigador das universidades de Vigo e da USC, como representes de empresas privadas. 

Unha primeira edición que superou as expectativas

Para as responsables do certame, a valoración da primeira edición é máis que positiva ao cumprirse os obxectivos do concurso, destinado a fomentar a divulgación do traballo investigador, de xeito sinxelo, ameno e cun vocabulario comprensible, entre un público non especializado. “O MARatón foi mellor do esperado, tanto na participación do público, cunhas 30 ou 40 persoas en cada sesión, como polas intervencións das e dos participantes”, explican as organizadoras, que cara a vindeiras edicións, teñen claro que terán que difundilo con máis antelación da que se fixo este ano, para así acadar un maior número de participantes.