É un dos oito proxectos financiados pola Axencia Galega de Innovación
O estudo da UVigo sobre uso de drones para a desinfeccicón contra a COVID-19 quece motores
Este xoves mantiveron unha xuntanza telemática co conselleiro de Economía, Emprego e Industria
Este xoves, as e os representantes dos oito proxectos innovadores que a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, apoia para avanzar na loita contra a COVID-19, seis deles promovidos por pemes galegas e dous máis deseñados polas universidades de Vigo e Santiago, mantiveron unha xuntanza telemática con Francisco Conde, conselleiro de Economía, Emprego e Industria. No caso da Universidade de Vigo, trátase dun proxecto de desenvolvemento e validación de operativas de voo con sistemas aéreos non tripulados (drones) para efectuar tarefas de desinfección contra o coronavirus.
As iniciativas financiadas, apuntou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, son “proxectos extrapolables aos ámbitos que o Goberno galego ten marcados como estratéxicos: o sanitario, o laboral e o ámbito do comercio e sector servizos”. Conde destacou asemade o “papel determinante da innovación e o coñecemento” para facer fronte con máis garantías e seguridade aos novos retos que se presentan no eido da saúde, a prevención e a seguridade pola crise da COVID-19.
O estudo da Universidade de Vigo, que será financiado con 55.000 euros, ten como investigador principal a Higinio González, profesor titular da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, complentado o equipo os profesores Fermín Navarro, do mesmo centro, e Joaquín Martínez, da Escola de Enxeñaría de Minas; e o persoal investigador Luis Miguel González; Noelia Fariñas; Lorena Docasar e Alejandro Gómez. O traballo desenvolverase de xuño a decembro de 2020 e centrarase no desenvolvemento dun sistema de información xeográfica a nivel galego e dunha metodoloxía que permitan optimizar o uso da tecnoloxía de limpeza con drones na crise da COVID-19, especialmente en zonas de posible afluencia de xente.