DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Colócase segundo tras derrotar a domicilio ao Círculo Ferrolano

O EXP-Universidade de Vigo ascende postos na táboa co seu segundo triunfo

Só dous equipos permanecen invictos na División de Honra

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 04/02/2020

A igualdade está a marcar o inicio da Liga Galega de Xadrez na súa División de Honra e, trala disputa da súa segunda xornada, tan só dous equipos permanecen invictos na máxima competición autonómica. Trátase do Xadrez Verín, líder da categoría, e do Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola Paz, que tras derrotar esta fin de semana ao Círculo Ferrolano por un claro 1,5-4,5 ascende ata o segundo lugar da táboa clasificatoria. 

Na súa visita á sede dun “clásico do xadrez galego”, o equipo universitario abriu o marcador coas vitorias de Pablo García e Víctor Miguel, tralas que logo chegaron dous empates, os colleitados por Alberto Portela e Rubén Fernández, “quen demostrou unha gran técnica nun difícil final”, sinalan desde o club pontevedrés. Unha terceira vitoria, a lograda por David García, amplíou aínda máis a vantaxe dos visitantes, que non puideron sumar un último triunfo na partida máis longa da tarde, na que, tras preto de catro horas, Daniel Rivera cometía un erro que lle impedía pasar das táboas. 

Con este resultado, o Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo suma oito puntos na táboa clasificatoria, un menos que o Xadrez Verín. A vindeira fin de semana, o equipo universitario buscará afianzarse na parte alta da clasificación no seu enfrontamento, o vindeiro sábado ás 17.00 horas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, cun dos equipos chamados tamén a ocupar os postos de privilexio, o Xadrez Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa. 

O filial lidera a Primeira División

A segunda xornada da Liga Galega deixou un balance de oito vitorias e catro derrotas para os equipos da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade Vigo. Entre os diferentes resultados destaca a vitoria do Ramón Escudeiro Tilve por 3-1 fronte ao Dorna Vengarco, que o sitúa á fronte da clasificación da Primeira División.