DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo universitario pechou a Liga Galega de Xadrez derrotando ao Tui Xadrez Galego 

O EXP-Universidade de Vigo proclámase campión galego

Trátase do quinto título autonómico logrado polo equipo da institución académica

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI Pontevedra 29/04/2019

Unha vitoria por 4-2 diante do Tui Xadez Galego permitiu esta fin de semana ao Escola Xadez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola paz proclamarse campión da “competición de maior nivel da historia do xadrez galego”, como salienta o seu capitán, Pablo García, dada a participación neste 2019 de dez grandes mestres, 15 mestres internacionais e 19 mestres FIDE na Liga Galega de Xadrez. O equipo universitario chegaba como líder a esta última xornada de competición na División de Honra do torneo autonómico, na que só precisaba 1,5 puntos para alcanzar o que é xa o quinto título autonómico que suma o equipo da Universidade de Vigo e a EXP desde o inicio da súa colaboración en 2003 e o primeiro logrado por un equipo pontevedrés, desde que o conxunto universitario trasladou á súa sede á Casa da Luz a pasada tempada.

Ao éxito colectivo do equipo universitario súmase o feito de que o novo talento do club Rubén Fernández, pouco despois de proclamarse campión galego sub14, se convertese no xogador máis valioso da liga galega, tras obter 9,5 puntos de 11 posibles ao longo da competición. “É un grande orgullo poder brindar este título á cidade de Pontevedra. Vistos os equipos a principio de tempada, poucos eran os que nos incluían entre os favoritos”, salienta Pablo García do éxito logrado nesta tempada, na que mantiveron a súa “filosofía de apostar polos novos talentos da terra”.

Trala vitoria lograda este sábado na Casa da Luz, o EXP-Universidade de Vigo rematou a liga con nove vitorias e 44,5 puntos, finalizando en segundo lugar o Círculo Ferrolano con 40,5 e en terceiro o equipo da USC con 39, os únicos tres equipos que pecharon o torneo con máis dun 50% de vitorias, o que dá mostra, do “incremento do nivel da competición", como engade García, quen ve no éxito logrado “un recordatorio do que o esforzo, a capacidade de superación e a unión do grupo poden chegar a conseguir”.  Do mesmo xeito, o capitán valorou tamén o feito de acadar o título cun equipo que leva o nome de Estratexia pola paz, o programa que os leva cada ano aos campos de refuxiados en Xordania; nome que, salienta, “axúdanos a manter o noso soño e ilusión por ter unha sociedade na que todos e todas teñamos os mesmos dereitos e oportunidades”. 

Despedida con vitoria

A vantaxe coa que chegaban a esta última xornada permitiu aos xogadores do EXP-Universidade de Vigo afrontar con tranquilidade o sen enfrontamento co Tui Xadrez Galego, que acudía a Pontevedra coa necesidade de vencer para intentar evitar o descenso. Pola contra, o equipo local só precisaba 1,5 puntos para selar matematicamente o título, que tardaron pouco en chegar, xa que o encontro arrincou coas táboas de Alberto Portela diante do mestre internacional Rafael Rodríguez e a vitoria do xadrecista local Rubén Fernández.

A continuación, David García somou un novo empate, mentres que Pablo García lograba unha nova vitoria para os locais, quedando abertas aínda as partidas máis incertas, nas que competían Daniel Rivera e Víctor Miguel. Este último lograba nun final igualado o terceiro triunfo do equipo universitario, mentres que Rivera acababa o torneo encaixando a súa primeira derrota da tempada. 

Á vitoria do EXP-Universidade de Vigo Estratexia pola paz sumábanse, nesta última xornada o triunfo en Primeira División do Ramón Escudeiro Tilve, que finalizou cuarto, e a vitoria a domicilio do EXP Concello de Pontevedra, que conclúe a súa participación na liga autonómica en quinta posición.