DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Derrotou por 4-2 en Ciencias da Educación e do Deporte a un rival directo, o Xadrez Fontecarmoa

O EXP-Universidade de Vigo suma o seu terceiro triunfo consecutivo

Afiánzase no segundo posto da táboa, por detrás do Xadrez Verín

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 10/02/2020

Tres xornadas e tres vitorias. O Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola Paz continúa transmitindo boas sensacións no inicio da liga galega na que defende o título acadado en 2019 e o pasado sábado logrou un valioso triunfo por 4-2 fronte a un dos seus rivais directos nos postos altos da División de Honra, o Club Xadrez Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa. Trala vitoria acadada no encontro disputado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, continúa ocupando o segundo posto da táboa clasificatoria, a medio punto do líder e único equipo invicto xunto cos universitarios, o Xadrez Verín.

Con seis xogadores titulados internacionais no seu mellor sexteto, o equipo vilagarcián presumíase un difícil rival para o EXP-UVigo, que con esta vitoria non só acadou catro valiosos puntos diante dun rival directo, senón tamén unha “inxección de moral para afrontar a defensa do título logrado a pasada tempada”, como salientan desde o club universitario. Atendendo ao ránking internacional, o Xadrez Fontecarmoa partía como favorito nos tres primeiros taboleiros, mais o equipo universitario non cedeu nin unha soa derrota nun enfrontamento que se saldou con catro empates e dúas vitorias dos xadrecistas locais.

Os grandes protagonistas da xornada foron dous novos talentos do EXP-UVigo Rubén Fernández, vixente campión de España sub14, que firmaba unhas táboas co experimentado mestre Fide Lucas Abal; e Francisco Veiga, campión de Portugal sub16, que acadaba tamén un empate diante do mestre internacional Roi Renaldo. Dous positivos resultados aos que sumou a “impecable vitoria”, como sinalan desde o club, que Alberto Portela lograba ante o número 1 do equipo visitante, o mestre internacional Julio Suárez. O segundo triunfo local viría de mans do seu capitán, Pablo García, tras recuperar “unha posición de clara desvantaxe e con escasos segundos no seu reloxo”. O marcador completaríase cos dous novos empates nos taboleiros nos que Daniel Rivera e David García competían con Julio González e Dan Cruz, respectivamente.

Tras esta terceira rolda, o Xadrez Verín continúa como líder en solitario con 12,5 puntos, mentres que o EXP-Universidade de Vigo é segundo con 12, ocupando a terceira posición o Xadrez Rianxo con 10,5. A vindeira fin de semana, o equipo universitario tentará ampliar a súa xeira de vitorias na súa visita ao Escola Luguesa de Xadrez.

Líderes na Primeira División

Esta nova xornada da Liga Galega de Xadrez deixa un balance de catro vitorias, tres empates e cinco derrotas para os equipos da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo. Entre os resultados acadados destaca unha nova vitoria do Ramón Escudeiro Tilve, desta volta sobre o filial do Xadrez Fontecarmoa, que permite ao conxunto pontevedrés manterse no primeiro posto da táboa na Primeira División.