DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo de División de Honra logrou unha axustada vitoria ante o Escola Luguesa de Xadrez

O EXP-UVigo continúa invicto, pero afástase do liderado 

Mantense en segundo lugar, a dous puntos do Xadrez Verín

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 17/02/2020

Pese a sumar a súa cuarta vitoria en catro xornadas, o Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola Paz retornou do seu enfrontamento coa Escola Luguesa de Xadrez coa sensación de que se lle escaparan uns “puntos moi valiosos” de cara a clasificación final na División de Honra da Liga Galega de Xadrez. A inscrición por parte do seu rival de cinco xogadores titulados para o enfrontamento disputado este sábado en Lugo foi cuestionada polos pontevedreses, que lograron salvar un triunfo pola mínima (2,5-3.5). Non obstante, este resultado fai que o líder da categoría, o Xadrez Verín, amplíe a dous puntos a súa vantaxe con respecto ao equipo universitario.

Segundo salienta o club pontevedrés, “sobre a bucina e ao amparo dun regulamento moi discutido”, o Escola Luguesa de Xadrez inscribiu para esta xornada ao mestre internacional de Aruba Jasel López e ao mestre FIDE holandés Siem Van Dael, que se sumaron aos outros tres mestres que xa figuraban na aliñación do Escola Luguesa de Xadrez desde inicio da tempada. Así pois, o EXP-Universidade de Vigo atopouse na súa visita a Lugo cunha “forte aliñación”, na que só Daniel Rivera era superior no ránking internacional ao rival ao que se ía medir. 

Xa sobre os taboleiros, foron precisas tres horas de xogo para vivir tanto a primeira derrota dos visitantes, a sufrida por Rubén Fernández, como as primeiras alegrías para o equipo pontevedrés, coas vitorias de Francisco Veiga sobre o mestre FIDE Rubén Domingo e de Daniel Rivera sobre Arango. A partires de aí, o marcador non se movería ata pasada a cuarta hora do encontro, cando o reloxo comezaría a xogar en contra dos intereses dos visitantes. Por unha banda, unha imprecisión de Pablo custoulle a derrota fronte a Jasel López. Ao mesmo tempo, Víctor Miguel tampouco era quen de aproveitar a súa vantaxe e vía como o seu enfrontamento Siem Van Dale remataba en táboas tras unha tripla repetición de posición do visitante. Con todo igualado, sería a vitoria de Alberto Portela fronte a Alejandro Domingo a que selaría o cuarto triunfo do Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo nesta Liga Galega de Xadrez.

Tras este resultado, o equipo universitario continúa segundo na clasificación, con 15,5 puntos, dous menos que o líder, o Xadrez Verín, e empatado co terceiro, o Xadrez Rianxo. 

Campionatos autonómicos

Esta nova xornada da Liga Galega deixou un balance de cinco vitorias, dous empates e seis derrotas para os equipos da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo. A competición retomarase, tralo entroido, o 29 de febreiro, xornada na que o primeiro equipo do EXP-UVigo Estratexia pola Paz medirase, ás 17.00 horas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, ao Clubexa de A Coruña, último clasificado nesta División de Honra.

Previamente, entre o 22 e o 25 de febreiro, disputaranse en Padrón os  campionatos galegos sub14 e sub18, coa participación de catro xogadores do EXP-UVigo. Na primeira categoría, estará representado por Javier Caudet e Miguel Alonso, mentres que no torneo sub18, competirán Rubén Fernández, actual campión galego e campión de España sub14, e Luis Alonso.