DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Xadrez Verín derrotou por 5-1 ao equipo universitario

O EXP-UVigo ve reducidas as súas opcións de revalidar o título tras caer fronte ao líder

Sitúase agora a cinco puntos do primeiro clasificado

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI Pontevedra 09/03/2020

Nun enfrontamento que se presumía decisivo para coñecer que equipo ten máis opcións de alzarse neste 2020 co título de campión na División de Honra da Liga Galega de Xadrez, o Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola Paz caeu derrotado por 5-1 na casa do Xadrez Verín, un tropezo que reduce as opcións do equipo universitario de revalidar o título autonómico acadado en 2019. No enfrontamento celebrado o pasado sábado en Verín, os visitantes pasaron de ter un “encontro controlado” a encaixar “unha das derrotas máis avultadas da súa historia na liga galega”, como sinalan desde o club.

O enfrontamento entre dous equipos que chegaban á sexta xornada con cinco vitorias e separados por un punto arrincou coa vitoria do gran mestre cubano do equipo ourensán Lelys Stanley sobre Francisco Veiga. Mais, tras este primeiro tropezo, o xeito no que ían transcorrendo as partidas permitía ser optimista ao equipo visitante que vía como Víctor Miguel, Alberto Portela, Rubén Fernández e Pablo García afrontaban con vantaxe as súas partidas. Mais segundo ía avanzando un “encontro vibrante e durísimo, que superou as cinco horas”, comezaron a chegar as malas novas para o equipo universitario.

Primeiro viría a derrota de Rubén Fernández, que nunha “boa partida de corte táctico” cometeu un erro no seu “ataque decisivo ao rei rival”, que o gran mestre portugués Luís Galego aproveitou para sumar o segundo triunfo para o Xadrez Verín. O tamén gran mestre do equipo local David Lariño amosou a súa capacidade para remontar posicións con desvantaxe, derrotando a Alberto Portela, resultado ao que logo se sumou a derrota do visitante Daniel Rivera diante de Luís Medarde. Só Víctor Miguel foi quen de sumar unha vitoria para o equipo universitario nun enfrontamento que completou cunha nova derrota, a do capitán Pablo García, que tras 118 xogadas non puido concretar a súa vantaxe inicial. 

Unha xornada marcada polas derrotas

Este resultado afianza no liderado ao Xadrez Verín, que a falta de cinco xornadas para o remate da liga suma 26,5 puntos, cinco máis que o EXP-Universidade de Vigo segundo clasificado. Mais aló da División de Honra, esta sexta rolda de competición deixou un balance de dúas vitorias, dous empates e oito derrotas para os equipos do club nas competicións autonómicas. Tan só os dous conxuntos de cuarta división, o Ara Formación e o Manuel Pérez Candelario, líder da Cuarta División A, foron capaces de sumar un triunfo esta fin de semana.

A sétima xornada celebrarase o vindeiro sábado 14, día no que o EXP-UVigo Estratexia pola Paz recibirá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte ao equipo da USC, noveno clasificado, nun encontro programado para as 17.00 horas, con entrada libre.