DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumno de BBAA Daniel Roríguez coordina unha mostra de traballos da academia Kraken

Unha exposición achega á Vicerreitoría o mundo da animación ‘stop motion’

Reúne os escenarios e personaxes realizados para dúas curtas de animación

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 29/03/2019

Definida por articularse a partires dunha sucesión de imaxes fixas, a animación stop motion é o eixo da exposición Os monstros de Kraken. Elvis!, que na tarde deste venres se inaugura na sala de exposicións da Vicerreitoría do campus. Coordinada polo alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes Daniel Rodríguez Palacios (Lizartonne), a mostra reúne os escenarios, personaxes e bocexos realizados para a rodaxe das curtas Elvis! e Avelino, no marco da academia de animación Kraken, que dirixe este estudante.

“A animación stop motion, fronte a outras técnicas, ten para min un valor engadido en canto a que permite traballar coas plasticidade dos materiais. Toda a textura e ambientación danlle un carácter ás animacións realizadas con esta técnica que moi dificilmente se pode imitar mediante técnicas dixitais”, salienta Lizartonne do eixo dunha exposición que poderá visitarse ata 13 de abril, e que este venres ás 20.00 horas celebra a súa inauguración coa participación do Vicerreitor do campus, Jorge Soto.

Os escenarios e a estrea de Elvis!

A exposición reúne por unha banda polos tres escenarios empregados na rodaxe da curta Elvis!, realizada polo alumnado de Kraken e que se exhibirá por primeira vez publicamente no marco desta exposición. Tanto esta curta como Avelino, premio á mellor curta de animación no Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia Rir de Allariz, proxectaranse ao longo destes días na sala de exposicións da Vicerreitoría, sendo ambos traballos o resultado do traballo realizado polas alumnas de Kraken, baixo a titoría de Daniel Rodríguez, no marco do seu proceso formativo.

Nese senso, o coordinador desta mostra explica que foron tres as alumnas que participaron na rodaxe de Elvis!, unha curta presentada como unha crítica, desde o humor, “ao amor romántico e certas convencións” dirixida “por unha estudante de artes escénicas e unha cirurxiá", que non traballaran previamente con animación, o que fai, sinala, que “o resultado sexa abraiante”. Concretamente na exposición reúnense os tres escenarios, un corredor, unha habitación e un xardín, realizados para esta curta, xunto coas súas dúas personaxes, articulables e feitas a man por unha das alumnas, así diferentes bocexos e mostras do story board desta curta. Por outra banda, a exposición complétase coa presentación dos personaxes e do único escenario empregado na rodaxe Avelino, achegando no seu conxunto unha serie de “pequenos mundos nos que podes entrar por un momento”, como salienta Lizartonne.