DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comisariada polo catedrático Antón Castro, pode verse no Museo Ramón María Aller de Lalín

Unha exposición afonda na etapa arxentina de Maruja Mallo e Luis Seoane

Reúne máis de 40 obras, a maioría non expostas previamente en Galicia

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 16/01/2020

Trala sublevación militar que provocou a Guerra Civil, Maruja Mallo e Luis Seoane víronse obrigados a exiliarse, sendo Bos Aires o destino destes representantes “da mellor arte española do vangardismo histórico”, como sinala o catedrático da Facultade de Belas Artes Antón Castro. Un total de 43 obras, realizadas por estes dous artistas durante as preto de tres décadas que residiron na Arxentina, na súa inmensa maioría nunca expostas previamente en Galicia, reúnense en Creacións máxicas de medidas exactas. Maruja Mallo e Luis Seoane en Bos Aires (1936-1965), a exposición que, con Castro como comisario, poderá visitarse ata o 13 de marzo no Museo Ramón María Aller de Lalín. 

Promovida polo Concello xunto coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a exposición está conformada, como explica Castro, por unha “concisa e rigorosa selección de obras procedentes de coleccións privadas”, que busca “ilustrar a importancia do seu traballo durante o exilio arxentino”. En Bos Aires, explica o crítico e docente, ambos “forxarán amizade”, chegando a compartir os faladoiros do Café Tortoni cos intelectuais galegos e españois exiliados. Ambos desenvolverán ademais, sinala o responsable da mostra inaugurada o pasado venres, unha traxectoria artística que a exposición pon en relación a partires do feito de que ambos representan “dúas maneiras de interpretar a arte a partir dun mesmo punto de partida, que é a arte popular”. Entre as traxectoria pictóricas de Mallo e Seoane, así mesmo, existe así mesmo “un nexo que se refire a esa condición da medida exacta”, á que alude o título da mostra, e que parte da influencia que tivo neles o construtivista uruguaio Joaquín Torres García. “Ambos parten da arte popular e ambos buscan a exactitude, a precisión e a xeometría”, sinala o docente, crítico e comisario.

A muller como constante

25 obras de Seoane e 18 de Mallo integran unha exposición que pon tamén de relevo unha temática común, a representación da muller, “que ocupa practicamente o 90% da iconografía” da mostra. No caso de Seoane, explica Castro, a súa representación céntrase na muller galega, nas traballadoras do campo e do mar, nunha “muller que ante todo representa a Galicia”, mentres que Mallo presenta nas súas obras “a unha muller que trata de liberarse, de romper os mitos e tabús do dominio masculino”. 

As exposición abrangue un período de preto de tres décadas, desde a chegada dos artistas á Arxentina ao seu retorno a España, que no caso de Mallo producirase en 1965, mentres que no de Seoane, fillo de emigrantes e nacido en Bos Aires, “este nunca será definitivo”. Deste xeito, permite observar a “evolución evidente” que se produce nas súas linguaxes pictóricas, como salienta Castro. No caso de Mallo, cuxo período arxentino constitúe o “período peor estudado da artista”, aínda que “moi frutífero na súa produción”, a mostra permite observar como, cando chega a Arxentina, “aínda é partícipe desde realismo máxico cuns temas que parten do mundo popular” e que amosa a súa implicación “en termos de compromiso social”. Posteriormente, “entra nunha poética nova, porque redescubre o Pacífico e aparecen novas series como as naturezas vivas inspiradas no océano”, á vez que se ve influída pola arte popular latinoamericana, “que desde unha visión etnográfica, tamén vai mediatizar un pouco o seu cambio lingüístico”, sinala o comisario da exposición. No referido á Seoane, “que forma parte da xeración do vangardismo histórico”, trátase dun “pintor tardío” en termos de “concreación dunha linguaxe”, de tal xeito que será a partires da década de 1940 cando “a fascinación que sinte por Picasso ou Matisse” marque un “proceso de nacionalización ou galeguización da tradición da Escola de París, ata chegar nalgúns casos á abstracción”.

Catálogo razoado das obras expostas

A exposición completarase coa edición dun catálogo razoado das obras expostas, que detalla a procedencia de cada cadro e o seu percorrido desde que saíu do estudo da artista ata o seu último propietario. A publicación, que se presentará o 22 de febreiro, completarase cos textos nos que Antón Castro afonda nas traxectorias dos dous artistas, no que supuxo o exilio e no que representaba por aquel entón a capital arxentina, xunto coas achegas que á publicación realizan os historiadores e estudosos da traxectoria de Mallo Xosé Ramón Barreiro e Beatriz López Morán e a directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira.