DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto Tendendo Pontes continúa cunha conferencia

Da facultade ao centro educativo para fomentar o interese pola historia

A profesora Susana Reboreda falou de mitoloxía e muller no CPR Padre Feijoo Zorelle

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 06/05/2019

En febreiro e co título Tendendo Pontes, a Facultade de Historia do campus de Ourense puxo en marcha un proxecto piloto destinado a fomentar os lazos co alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria, especificamente con estudantes do CPR Padre Feijoo Zorelle. Tras unha primeira sesión na que un grupo de escolares visitaron a facultade, este luns a súa decana, Susana Reboreda, achegouse ao centro a ofrecerlles unha conferencia sobre a muller e a mitoloxía na antigüidade.

Tendendo Pontes, explica Susana Reboreda, naceu no marco das iniciativas da súa facultade por espertar o interese polos estudos de Historia entre o alumnado preuniversitario e polo seu compromiso de establecer lazos coa contorna, neste caso cos centros de ensino. “Tanto para a xente que participamos desde a Universidade como desde o Padre Feijoo Zorelle está sendo unha experiencia nova, na que estamos poñendo moito interese e que agardamos sexa frutífera para todas e todos”, comenta a profesora.

Deusas e mulleres

Coa actividade deste luns, a Universidade “devolveulle” ao centro a visita realizada o pasado 26 de febreiro, cando a Facultade de Historia recibiu a 21 alumnos e alumnas de primeiro curso de ESO que participan no proxecto, acompañados pola súa profesora Beatriz Nieto, egresada deste campus, e por estudantes de cuarto curso do Grao en Xeografía e Historia que estaban a realizar as súas prácticas no CPR Padre Feijoo Zorelle. “O obxectivo da miña visita foi darlles aos estudantes de primeiro curso unha charla sobre a miña área de especialización, historia antiga, concretamente sobre a muller e as deusas na antigüidade”, sinala Susana Reboreda. A elección dunha temática referida á muller, indica, non é casual xa que a realizou tendo en conta non só o feito de que é a súa área de especialización senón o feito de que “no temario de historia antiga destas idades non existe ningún apartado referido ás mulleres”.

Expostas as características das mulleres como deusas e como cidadás, Susana Reboreda recalcoulle ao alumnado presente na sesión ofrecida no CPR Padre Feijoo como unhas e outras non eran comparables. “Aínda que as deusas son femininas e fisicamente teñen atributos femininos, as súas actividades son ben diferentes ás mulleres da época. As deusas estaban moi por riba das mulleres, aínda incluso cando realizan tarefas similares”, apunta a decana. Así, exemplifica, Atenea, relacionada coa guerra, ou Artemisa, coa caza, rexían “mundos totalmente vetados para as mulleres da época”. Outro exemplo desa falta de correlación indicado pola profesora é o feito de que aínda que as deusas tiveran unha tarefa reprodutora, logo non se lle asignaban roles de nai ou esposa, de coidadora. “Unha gran diferenza separa aos seres divinos dos humanos. As divindades no seu conxunto están por riba do que son os humanos a un nivel moi grande, non só polos poderes que poidan ter senón polas tarefas que desenvolven. Non son comparables”, afirma a profesora.

A partir desta sesión comeza o desenvolvemento por parte do alumnado do CPR Padre Feijoo Zorelle dun proxecto en grupo que logo terán que expoñer oralmente nunha sesión que se celebrará na Facultade de Historia. De xeito paralelo, o alumnado de cuarto curso do centro seguirá o mesmo procedemento, pero nesta ocasión será o profesor da Universidade de Vigo Julio Prada o seu enlace no campus e a temática sobre a que traballarán será a represión do profesorado durante o franquismo. En ambos casos, explican desde a organización da iniciativa, buscáronse temas de traballo relacionados con contidos curriculares da materia de Historia en primeiro e cuarto curso de ESO.

Olimpíada de Historia

Mentres continúa o desenvolvemento deste proxecto, a Facultade de Historia ultima os preparativos para a celebración do día 24 de maio da II Olimpíada Galega de Historia. Fai Historia con Nós. A competición reunirá a 30 equipos doutros tantos centros educativos galegos formados por alumnado matriculado en cuarto de Educación Secundaria Obrigatoria, esgotándose as prazas dispoñibles. Os equipos enfrontaranse nunha competición que seguirá o esquema pregunta-resposta, na primeira fase nunha plataforma electrónica e na segunda de xeito oral. As probas cinguiranse aos contidos do currículo da materia de Xeografía e Historia de cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria establecidos pola actual lei educativa, realizándose sucesivas roldas de probas eliminatorias entre os equipos participantes e competindo todos eles como mínimo en dúas quendas do concurso.