DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Equipos dos tres campus competiron na cita Intercampus

A fase final das ligas da Universidade de Vigo reúne en Ourense a máis de 250 deportistas

Os gañadores participarán no Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 13/02/2020

Con moitas gañadas de pasar un día diferente practicando deporte e coñecendo xente afín pero tamén cun pouco de sa competitividade, máis de 250 deportistas da Universidade de Vigo déronse cita este xoves no campus de Ourense. Foi na celebración do Intercampus, a fase final das ligas universitarias de deportes colectivos na que participan os equipos gañadores das respectivas ligas nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense.

Nesta ocasión, o Intercampus contou con competicións de baloncesto masculino, fútbol sala masculino, fútbol 11 masculino, rugby masculino e voleibol mixto. En cada modalidade puideron participar os equipos campións das ligas ou fases finais de cada campus da institución académica. Os encontros disputáronse no pavillón de deportes e no campo de fútbol-rugby do campus de Ourense e no caso de voleibol mixto no Pavillón dos Remedios. Os primeiros en gañar foron o equipo de voleibol mixto do campus de Ourense (Volley Gang), que se impuxo 3-0 na final ao representante do campus de Vigo (Tamo Activo). En rugby, o primeiro posto foi para The Americans, o equipo do campus de Ourense; o segundo para Vigo Rugby e o terceiro para La Caída de Edgar, de Pontevedra. En baloncesto, Álvaro, do campus de Pontevedra, gañou na final a 12 Stars, de Ourense; en fútbol sala Discavi Futsal, de Vigo, impúxose aos seus compañeiros de campus Minamo de Kiev e en fútbol 11 o equipo de Pontevedra, Esfinter de Milán, gañou ao de Ourense, chamado Celta de Viño.

Convivencia e deportividade

Os equipos gañadores representarán á Universidade de Vigo no Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos, que se xoga contra equipos das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, e do que á súa vez saen os equipos que participarán no campionato de España correspondente. “Hai equipos competitivos que o que buscan é efectivamente a súa clasificación para as competicións superiores pero a maioría o que busca coa súa participación nas ligas universitarias é divertirse no seu tempo de ocio dentro da actividade académica”, comenta Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense.

As ligas universitarias, subliña Rodrigo Alberte, “son unha ferramenta de socialización do alumnado, porque para facer equipos teñen que recorrer a xente de diferentes titulacións, establecéndose un contacto entre eles que doutra maneira dificilmente se produciría”. Ao ser unha actividade regular e grupal a participación nestas ligas, engade, incide positivamente no alumnado en aspectos como a responsabilidade e o compromiso. Neste contexto, engade, a participación no Intercampus é un agasallo polo traballo feito na liga durante o primeiro cuadrimestre que busca que as e os deportistas “compartan un día diferente no que poidan coñecer compañeiros e compañeiras dos demais campus que teñen as súas mesmas afeccións”. Aínda que sempre hai algo de “sa competitividade”,  indica o responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus, “non se trata de gañar senón de participar e pasalo ben”.