DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Traballos do profesor Jorge Lens ilustran a trama do libro ‘El bosque de los deseos’

Fotografías de realidades diversas constrúen un conto infantil

Escrito por Ana B. Gómez a partires de imaxes tomadas en diferentes países

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/02/2020

21 fotografías realizadas polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Jorge Lens en Vigo, Cangas e Bueu, pero tamén en Braga, Melgaço, Vila Nova de Cerveira, Lisboa e Londres serviron á escritora e xornalista Ana B. Gómez para dar forma a El bosque de los deseos, un relato infantil que articula a súa trama arredor dunha serie de imaxes sen un nexo de unión previo e que non foran pensadas para un público infantil. “Trátase de fotografías que pertencían a outros proxectos ou feitas nas miñas viaxes por Europa”, explica Lens do punto de partida dun conto que constrúe a súa trama a partir dunha selección de imaxes que o docente foi colgando na súa conta de Instagram. 

“Ningunha foto está feita nun contexto infantil, son imaxes tomadas directamente da realidade”, engade Lens do punto de partida de El bosque de los deseos. Publicado pola editorial Lobito Bueno, Gómez constrúe neste libro, a partires desta selección de imaxes, a historia dunha nena que viaxa aos seus catro mundos imaxinarios favoritos, o dos dinosauros, o das festas, o dos bonecos e o dos superheroes. “A raíz das fotos que ía elixindo, ía escribindo o texto”, explica Lens do que foi a súa primeira participación nun proxecto dirixido a un público infantil. “Pareceume marabilloso que xuntando moitas fotos que a priori non teñen ningún nexo, puidese construír un texto tan bonito”, recoñece do traballo realizado por Gómez para “contar unha historia en cada imaxe” e articular unha trama a partires de fotografías que, agás unha que foi realizada ex profeso para o libro, tiñan orixes diversas. De feito, dúas das imaxes, tomadas en Londres e Lisboa, forman parte de City Blues, unha exposición promovida pola Agencia Española para la Cooperación y el Desarrollo (Aecid), coa que Lens percorre desde finais de 2018 diferentes países de América Latina e que busca proxectar unha imaxe distanciada de estereotipos de diferentes capitais europeas.

Mundos máxicos, pero reais

A pesares de non ter un fío de unión previo, as 21 fotografías que ilustran este libro si comparten “algunha compoñente un pouco máxica ou surrealista”, recoñece Lens. Nese senso, o fotógrafo e docente salienta o seu interese polo “mundo da representación, no sentido amplo da palabra”, de tal xeito que, no seu percorrido por diferentes cidades adoita centrar a mirada sobre “figuras animais, disfraces, manequíns, carteis con debuxos ou fotografías en vallas que ao mellor están representando outra cousa que hai detrás”. Diferentes elementos entre os que busca “establecer relacións por cores, por formas ou por significados” en fotografías que en parte implican “dar vida dalgún xeito” a obxectos inanimados. 

Nese senso, o texto de presentación de El bosque de los deseos destaca que o libro busca tanto “demostrar que a realidade é a mellor ficción”, como comprometer “ao ollo infantil coa fotografía”. Non en van, lembra Lens, os “poucos libros” infantís que empregan fotografías adoitan presentar imaxes “ficcionadas, feitas para ese texto” ou que reproducen “dunha forma moi literal o mesmo que no texto”. Fronte a isto, “o interesante deste libro é que non é literal, que hai un texto suxerido sobre unhas fotos moi abertas de significado”, salienta. 

Nicaragua, seguinte parada

Dúas das fotografías incluídas no libro forman parte das 50 imaxes que integran City Blues, unha exposición na que Lens presenta imaxes de Atenas, Londres, Madrid e Lisboa, e que retratan “cidades habitadas, con todos os seus defectos e todas as súas ilusións”. Promovida pola AECID, esta exposición comezou a finais de 2018 en El Salvador un percorrido por América Latina, que posteriormente levou a Lens a República Dominicana, Guatemala, Costa Rica e Honduras. No terceiro ano do proxecto, City Blues viaxará en abril a Managua, capital de Nicaragua, onde, ao igual que nas anteriores sedes, a exposición vese complementada por actividades como talleres ou visitas guiadas, que Lens desenvolve xunto co Centro Cultural de España en cada país.