DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudo protagoniza a portada de maio da principal revista mundial neste eido, Applied Surface Scie

O grupo de Aplicacións dos Láseres (LaserON) desenvolve un método para modificar a mollabilidade dun material

Permite que este poida repeler totalmente a auga ou ben atrapala completamente na súa superficie

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 09/05/2019

Investigadores do grupo de Aplicacións dos Láseres (LaserON) da Universidade de Vigo acaban de desenvolver un método que permite modificar a mollabilidade dun material, de xeito que este pode repeler totalmente a auga ou ben atrapala completamente na súa superficie. Este proceso, patentado polos investigadores da institución viguesa, centra un artigo publicado na revista internacional Applied Surface Science, a publicación número 1 mundial no campo do tratamento de superficies e dos recubrimentos en materiais. 

O método baséase no tratamento da superficie do material mediante a acción dun feixe de luz láser. Como explica o profesor Antonio Riveiro, o equipo formado por investigadores, enxeñeiros e físicos da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade viguesa, logrou que “un material como o aceiro inoxidable repela completamente un líquido de tal maneira que non se chegue a mollar. Ou, polo contrario, que a superficie do aceiro sexa capaz de ‘atrapar’ completamente o líquido”. O gran potencial deste avance fixo que os editores da revista escollesen este traballo da Universidade de Vigo para a súa portada do número de maio. 

O traballo desenvolveuse no seo do grupo de investigación LaserOn da Universidade de Vigo e enmárcase dentro dun proxecto de investigación financiado parcialmente pola Unión Europea e o Goberno de España e forman parte da tese de doutoramento do enxeñeiro industrial Pablo Pou Álvarez, dirixida polo investigador Antonio Riveiro. 

Aplicacións en numerosos campos

Dende o equipo explican que a capacidade para producir superficies superhidrofóbicas, é dicir, que repelen os líquidos, ou superhidrofílicas, que os ‘atrapan’,  cunha soa ferramenta “pode atopar aplicacións en numerosos campos, como por exemplo superficies autolimpable, alas de avións nas que non se forma xeo, na xeración de patróns de humectabilidade, gradientes para mellorar a transferencia de calor en intercambiadores ou para promover/previr selectivamente a adhesión de células/bacterias en implantes e outros dispositivos biomédicos”, engade Riveiro. Estas “enormes posibilidades” que presenta esta nova tecnoloxía desenvolvida polos enxeñeiros de Vigo fixo que unha empresa multinacional canadense do sector enerxético firmase xa un proxecto de exploración das posibilidades da mesma para a súa aplicación na plantas da compañía. 

Para explicar o funcionamento desta ferramenta, o grupo de investigación elaborou un vídeo explicativo no que pode verse como unha gota de auga pode rebotar nunha superficie sen mollala, pero cando o tratamento converte a superficie en superhidrofílica, a gota espállase completamente na superficie, quedando ‘atrapada’ na mesma.

Vídeo explicativo

25 anos de experiencia no procesamento de materiais con láser 

O grupo de investigación nas Aplicacións dos Láseres da Universidade é xa unha referencia nacional e europea no seu campo. Isto baséase por unha banda na compoñente humana, cun grupo compacto e multidisciplinar con experiencia comprobada, xa que algún dos seus membros teñen máis de 25 anos de experiencia no procesamento de materiais con láser. O outro factor clave é parque láser dispoñible, xa que o conxunto de equipos, principalmente fontes de láser de alta potencia e equipos auxiliares “constitúen unha infraestrutura única península ibérica e é un dos dez máis relevantes en Europa neste campo”, como explican os investigadores. 

Dende a súa fundación en 1996, o grupo desenvolveu e inventou novas técnicas baseadas na aplicación de láseres como ‘laser spinning’ para a produción de nanofibras, o ’laser-blasting’ para o tratamento de superficies de rochas naturais ou o ‘micro-cladding laser’ para a fabricación aditiva de elementos a escala micrométrica.