DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades

O grupo EcoEvo estuda as diferencias de comportamento entre as comunidades insulares e continentais de libélulas e aves

Analizan tamén os cambios que provoca a presenza de especies exóticas nos bosques

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 27/07/2020

A diversidade de comportamentos dentro dunha mesma especie constitúe unha compoñente básica da biodiversidade e a súa perda pode resultar determinante para a súa supervivencia. Este é o punto de partida do proxecto de investigación que o grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación) desenvolve en varios continentes con comunidades de libélulas, paxaros e macroinvertebrados. “A perda de comportamentos pode acelerar a probabilidade de extinción dunha especie, porque perde habilidade para adaptarse a modificacións no seu ambiente”, salienta o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, investigador principal, xunto coa profesora da Facultade de Bioloxía María Calviño, dun estudo seleccionado na convocatoria de Proxectos de I+D de Xeración de Coñecemento do Ministerio de Ciencia e Innovación. Cun financiamento de preto de 200.000 euros, o proxecto ten como obxectivo caracterizar a diversidade funcional e de comportamento entre comunidades cun alto e baixo número de especies, contrapoñendo con ese propósito comunidades insulares e continentais, así como aquelas que residen en bosques nativos fronte ás que viron alterados os seus hábitats por plantacións de especies exóticas 

“A hipótese de traballo fundamental é que a simplificación dos sistemas afecta á diversidade de comportamentos”, salienta Cordero dunha investigación na que participan tamén os docentes Maruxa Álvarez, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, e Julio Martín Herrero, do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, xunto cos investigadores do grupo EcoEvo Anais Rivas e Iago Sanmartín. Con traballos de campo previstos en diferentes illas do Mediterráneo, Fixi, Cuba, Galápagos, República Dominicana, Brasil ou China, o proxecto Diversidade funcional e etolóxica en comunidades continentais e insulares (Etodiversidade) esténdese ata 2022 e dá continuidade a un proxecto previo, tamén con financiamento estatal, que tiña como obxectivo desenvolver o concepto de “etodiversidade” ou diversidade de comportamentos a través do estudo de diferentes especies de libélulas. Esta investigación posibilitou de feito establecer “unha rede de colaboradores” que se manteñen no actual proxecto, no que participan investigadores da universidade ecuatoriana de San Francisco de Quito, das cubanas de La Habana e Oriente, das brasileiras de São Carlos e Pará, da Universidade dos Azores, da University of South Pacific en Fixi e do Museo Natural de Historia da República Domincana.

Da especie á comunidade

Dando continuidade a un proxecto que deu lugar á publicación de preto de 20 artigos en revistas científicas, esta investigación propón “explorar máis a fondo o concepto de etodiversidade e diversidade funcional”, tratando de caracterizar comunidades de especies que conviven nun mesmo hábitat, un campo pouco estudado ata a data. A idea, engade o responsable do grupo EcoEvo, é tratar de “caracterizar os comportamentos típicos de certos ambientes”, para ver se estes mudan cando se produce unha modificación dos hábitats. 

Nesta análise, empregan de novo como modelo de estudo as libélulas, “un bo exemplo de diversidade de comportamentos”, poñendo o foco naqueles relacionados coa alimentación e a reprodución. Do mesmo xeito, analizan os comportamentos alimentarios e sexuais das aves, “moi diversas funcionalmente e moi sensibles aos cambios ambientais”. Esta parte do proxecto, coordinada por Calviño, presta especial atención aos cantos, que resultan, “especialmente axeitados para comparar comunidades asociadas a diferentes ambientes”. Coa participación de Julio Martín, obteranse espectrogramas destes cantos, que serán analizados con técnicas de aprendizaxe profunda. Por último, a investigación abrangue tamén o estudo de “comunidades de macroinvertebrados que viven nos ríos”, neste caso centrada nos “moitos modos diferentes que teñen de alimentarse”, como explica Cordero. 

O comportamento nas illas, diverso ou especializado?

A “dificultade para ser colonizadas das illas, sobre todo das que están máis distantes, nas que incluso poden faltar grupos enteiros de organismos” fai destas un espazo idóneo para analizar comunidades cun menor número de especies. “Queremos ver se, ao haber menos, as que están amplían a súa variación de comportamentos para cubrir aqueles espazos que non están ocupados ou se, polo contrario, estes son moito máis especializados, porque en moitos casos os recursos dispoñibles nas illas son limitados”, apunta Cordero. De feito, un dos primeiros traballos de campo realizados ao abeiro deste proxecto levouse a cabo a principios de ano en Galápagos, onde Cordero puido estudar unha libélula do xénero Ischnura que “normalmente vive en pozas, pero que alí amplía a súa capacidade de adaptarse ao ambiente e pode atoparse no río”. 

No referido as libélulas, o proxecto abrangue tamén estudos en Fixi, “un arquipélago que ten unha gran diversidade de especies endémicas, todas do mesmo xénero”, en Cuba ou na República Dominicana, onde previamente estudaron o apareamento da Phyloestes ethelae durante as primeiras horas da noite, “un comportamento nunca atopado noutros odonatos”. Tamén se levarán a cabo estudos de campo en Azores, onde se atopa o único exemplo coñecido de libélula partenoxenética, que se reproduce exclusivamente a partir de femias, a Ischnura hastata, tamén presente en Galápagos. No caso dos paxaros, analízanse os rexistros de cantos buscando patróns entre as illas e os ecosistemas continentais, prevendo que “estas vocalizacións sexan máis variables nas illas”, segundo recolle a memoria do proxecto. Con ese obxectivo, está previsto levar a cabo traballos de campo en Baleares, Córsega, Sardeña, Malta, Azores, Madeira e Canarias, á vez que en áreas continentais comparables.

Os riscos da adaptación a novos hábitats

“A medida que modificamos o ambiente, certas especies adaptan o comportamento e vanse facendo cada vez máis especialistas nun tipo de hábitat, perdendo variabilidade, o que pode contribuír á súa extinción, a que non sexan capaces de axustar logo o comportamento a novas condicións”, salienta Cordero. Partindo desa idea, os investigadores e investigadoras buscan comparar comunidades de libélulas, aves e macroinvertebrados en “bosques nativos” e en espazos dominados por especies exóticas, como sería o caso das plantacións de eucalipto en Galicia ou de caucho na China. Os traballos de campo céntranse en tratar de coñecer se nestes espazos poden aparecer novos comportamentos e desaparecer outros, en particular aqueles relacionados coas estratexias de alimentación asociadas a novos recursos. Nese senso, a hipótese dos investigadores, segundo recolle a memoria, é que unha maior diversidade de comportamentos mellora o funcionamento do ecosistema, “debido a unha maior complementariedade condutual entre especies e individuos, que pode traducirse nun uso máis eficiente dos recursos”.

Por outra banda, entre os obxectivos finais do proxecto atópase a realización dunha monografía sobre etodiversidade, xunto coa publicación de libros sobre as libélulas de Cuba, Galápagos e Fixi.