DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos primeiros ensaios logrou un nivel de retención do carbono do 50%

O grupo GTE participa na creación dun dispositivo capaz de capturar e almacenar CO2

O proxecto BIGs levouse a cabo dentro do marco do Programa Conecta Peme da Axencia Galega de Innovac

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 21/03/2019

Un dispositivo capaz de capturar e almacenar CO2 en poscombustión ou CCS (Carbon Capture and Storage) facendo fronte ás dúas principais complicacións que trae consigo esta tecnoloxía: o elevado consumo de enerxía que conlevan e o gran volume de substancias ambientalmente perigosas que producen. Este é o principal resultado do proxecto BIGs (Biosphere Industrial Green Solutions), un traballo levado a cabo “cun éxito rotundo”  por un consorcio de empresas liderado por ATI Sistemas e o Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo.

“Durante os primeiros ensaios co prototipo BIGs logrouse un nivel de retención de CO2 do 50%, algo tremendamente positivo xa que, lonxe de ser unha tecnoloxía no seu maior grao de desenvolvemento, permite unha gran marxe de mellora e diferentes alternativas para conseguir aumentar o nivel de retención”, explicaron os responsables do proxecto na xornada de presentación de resultados, reunión que tivo lugar na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e na empresa Termocalor coa participación de todos os membros do consorcio e representantes de GAIN, a Axencia Galega de Innovación.

Alentados por estes resultados, a idea é seguir traballando nesta liña de cara a conseguir adaptar aínda máis as tecnoloxías desenvoltas ás necesidades dunha industria cada vez máis esixente e concienciada co medio ambiente. 

Unha solución capaz de reducir o consumo enerxético

Enmarcado no programa Conecta Peme da Axencia Galega de Innovación, BIGs preséntase como unha solución capaz de reducir o consumo enerxético mediante un sistema de secado de gases a baixa presión e libre de sustancias perigosas grazas ao uso de zeolitas 13X como material absorbente. Para acadalo os traballos prolongáronse ao longo de tres anos,  tempo no que se levaron a cabo tarefas encadradas dentro de catro actividades principais: investigación en requirimentos tecnolóxicos e deseño preliminar, creación de modelos virtuais e simulacións, deseño de detalle e desenvolvemento tecnolóxico dos sistemas e, por último, fabricación de prototipo e demostración da tecnoloxía.

 “A función do noso grupo neste proxecto foi a de dar apoio nas tarefas de deseño e simulación aos socios”, explica dende o Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas o investigador Jacobo Porteiro, que fai tamén fincapé en que este traballo era moi ambicioso dende o punto de vista técnico, xa que buscaba obter unha captura de CO2 a baixa presión, para o cal o gas ten que ser limpado e secado sen que se sufran grandes perdas de carga. “Para logralo, a simulación CFD dos compoñentes principais foi unha ferramenta clave”, recalca o investigador, ao que engade que na construción do prototipo tamén asumiron tarefas na parte de sensorización e control. “A nosa participación foi moi completa cubrindo cuestións tanto conceptuais, como de desenvolvemento e execución”, recalca Porteiro.

Pola súa banda, ATI Sistemas, empresa que lidera o proxecto, fíxose cargo da adaptación dos equipos e sistemas comerciais ao prototipo; a firma Termocalor fabricou os equipos non comerciais, como o sistema integrado de secado e adsorción, e GRG dosmasdos encargouse dos desenvolvementos informáticos, creando a Unidade de Control On-Line (SCoL) e a Instalación Intelixente (I2) que engloba e xestiona todos os módulos.

Á cabeza en materia de I+D+i para procesos de descarbonización

O proxecto BIGs naceu da necesidade de mitigar os efectos das emisións de gases de efecto invernadoiro por parte da industria, en liña cos acordos e compromisos adaptados no protocolo de Kioto e, máis recentemente, no cumio do cambio climático COP21 de París. Agora, unha vez finalizado, o consorcio demostrou estar á altura deste reto tecnolóxico e amosou unha alta capacidade técnica, de coordinación e interacción dos membros, o que permitiu alcanzar satisfactoriamente os obxectivos propostos ao longo do proxecto e desenvolver un coñecemento clave (Know how) que posiciona ás empresas á cabeza en materia de I+D+i para procesos de descarbonización.