DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último barómetro realizado polo Foro Económico de Galicia

O impacto da crise da COVID-19 nas exportacións foi máis intenso en Galicia que no conxunto de España

O téxtil é o sector máis afectado polas consecuencias da pandemia

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Publicacións
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 27/05/2020

"O impacto da pandemia do coronavirus nos mercados de exportación foi máis intenso en Galicia que no conxunto de España neste primeiro trimestre de 2020. O mellor arranque exportador de Galicia en xaneiro-febreiro veuse estragado polo shock exportador de marzo, mes no que lideramos a escala rexional a caída das exportacións no conxunto de España”. Esta é unha das principais conclusións que recolle o Barómetro Exportador de Galicia (Baexga) para o primeiro trimestre do ano, de xaneiro a marzo de 2020, elaborado polo Foro Económico de Galicia, entidade xestionada polo Grupo Gen da Universidade de Vigo. 

O documento, coordinado polo economista e profesor da Universidade de Vigo Albino Prada, recolle que “nos dous primeiros meses do ano 2020 as exportacións galegas medraron a un ritmo do dobre do anotado polo conxunto de España, pero o impacto das medidas de confinamento e a parálise de actividades nos mercados receptores no mes de marzo afectaron de xeito máis grave ás exportacións galegas, mentres o resto de España anota retrocesos semellantes á media da UE ou da Eurozona”. 

Sectores referentes para a economía galega

O Barómetro Exportador de Galicia, indican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, analiza as dúas dimensións exportadoras: volume exportado e número de empresas, e en cada unha delas considéranse catro variables: evolución total no período, evolución cara a UE, evolución cara as economías emerxentes e evolución total na última década. Para este primeiro trimestre do 2020, o Baexga conclúe que dos oito indicadores, en cinco Galicia conta cunha peor avaliación en relación ao conxunto de España. O informe feito público este mércores tamén recolle que o primeiro trimestre de 2020 “amosa ademais unha asimetría en canto ao impacto nos sectores referentes para a economía galega: directo e inmediato no sector da confección e máis retardado en bens de consumo duradeiro como os da automoción”. Este retardo, apuntan os expertos do foro, “favoreceu un balanzo trimestral global que, aínda así, é peor para Galicia”. 

Sobre o impacto no sector da confección, o documento recolle que “se no comezo deste ano 2020 a evolución global das nosas exportacións está a ser preocupante, o comportamento das do sector da confección aínda o é máis”. O impacto da COVID-19, indícase no barómetro, “foi inmediato para estes bens de consumo e así se explica que A Coruña chegue a caer preto dun 40% nas cifras de exportación fóra de España de marzo”. Houbo, indican no informe, un “impacto inmediato e xeneralizado en todos os mercados por riba do anotado no conxunto do sector en España, co que se evaporou o diferencial no mellor balance exportador galego do sector nos últimos dez anos”. Tampouco mellorou a evolución verbo do conxunto de España no número de exportadores xa que, sinalan desde o barómetro, “mesmo chegamos a reducir os exportadores cara a Unión Europea”.

Polo que respecta ao conxunto de sector galego da automoción (turismos e vehículos industriais), o Baexga indica que pecha o primeiro trimestre de 2020 cun balanzo inverso, e positivo, ao do sector no conxunto de España. “O impacto da COVID-19 semella producirse aquí cun certo retardo, pois mentres o total español cae en marzo un -34 %, en Galicia faino un -9%”. “O mellor arranque galego en xaneiro-febreiro vese así laminado pero mantendo aínda, de momento, taxas positivas para o conxunto do trimestre”. Só o número de exportadores cara a Unión Europea ten un peor comportamento en Galicia que no conxunto de España, apúntase no documento.