DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada informativa sobre os programas Europa Creativa e Europa dos Cidadáns

Investigadores, empresas e institucións coñecen as posibilidades de financiamento europeo para proxectos culturais

Preto de 70 persoas participaron na iniciativa promovida pola Vicerreitoría

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/11/2019

Preto de 70 persoas, entre as que figuraban tanto investigadores e investigadoras da Universidade como representantes de diferentes institucións, empresas do eido das industrias culturais, asociacións e colectivos participaron este xoves na xornada de presentación de oportunidades de financiamento nos programas Europa Creativa e Europa dos Cidadáns. Promovida pola Vicerreitoría do campus xunto coa Oficina Europa Creativa e o Punto Europeo de Ciudadanía, organismos dependentes do Minsterio de Cultura y Deporte, esta actividade tiña por obxecto dar a coñecer as liñas de financiamento destes programas da UE para o desenvolvemento de proxectos culturais de carácter transnacional, relacionados co audiovisual ou vinculados cos eidos da cooperación e a cidadanía.

“Interésanos proxectarnos máis aló das institucións e poder dalgunha forma mirar cara Europa, cara proxectos transnacionais que poidan traernos novas perspectivas de traballo e relacións con outros países”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, na apertura da xornada, na que estes dous programas foron presentados por Augusto Paramios, coordinador da Oficina Europa Creativa e do Punto Europeo de Ciudadanía, e Christian Solanas, responsable de comunicación e promoción da Fundación Cultural Oficina Media España. Na inauguración, tanto Soto como o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, incidiron na importancia de “traballar conxuntamente” e promover a colaboración entre institucións, empresas e asociacións. “Para que sexamos un campus máis forte, con máis proxección, os proxectos europeos son esenciais”, engadiu Souto nese senso. 

Xunto a investigadores e técnicos da Universidade, a xornada congregou tamén responsables de diferentes empresas, asociacións e institucións. Entre eles, as deputadas provinciais de Cultura, Victoria Alonso; e de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Arquitectura e Proxectos Europeos, Iria Lamas; así como representantes da Xunta de Galicia, Museo de Pontevedra, Clúster Audiovisual Galego ou Grupo de Acción Costeira Ría de Pontevedra. 

Diferentes liñas para moitos tipos de proxectos

Trala apertura, Christan Solanas presentou Media, un dos subprogramas de Europa Creativa. Centrado no apoio á produción e distribución de cinema e outros produtos audiovisuais europeos, Media, explicou, agrupa “14 liñas de axudas”, vinculadas a “toda a cadea de valor" do audiovisual, desde a organización de festivais ou foros de produción a proxectos de “educación cinematográfica”. A continuación, Paramios deu a coñecer o segundo subprograma, Cultura, dirixido a financiar iniciativas que agrupen socios de diferentes países e no que podería ter cabida “calquera proxecto que entre dentro do paraugas da cultura e se aliñe coas prioridades do programa”. Paramios tamén presentou nesta xornada outro programa comunitario “que tamén ten encaixe nunha universidade”, Europa dos Cidadáns, unha liña de axudas “completamente transversal” e aberta “a todo tipo de proxectos que teñan que ver coa cidadanía, as políticas europeas, o apoderamento, os colectivos en risco de exclusión, os think thanks...”. Impulsados pola UE para o período 2014-2020, os dous programas, lembrou, están abertos a proxectos impulsados tanto por administracións e institucións, como por empresas ou asociacións.

A xornada completouse coa presentación de varios casos concretos de iniciativas que obtiveron ou solicitaron financiamento a Europa Creativa, como Gender Identity: Child Readers and Library Collections, G-Book, un proxecto liderado pola universidade italiana de Boloña e no que participa a Universidade de Vigo, do que deu conta a catedrática do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá Veljka Ruzicka. O director xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, pola súa banda, presentou o proxecto Wom@rts, mentres que Uxío Novo, responsable da Fundación Uxío Novoneyra falou, de Silops.eu, completando esta serie de intervencións Manuel Pena, director Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.