DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor da UVigo deixará a docencia por un tempo para ocupar este posto

Iván Area, novo director de Avaliación do Profesorado da ANECA

Con este nomeamento continúa a súa traxectoria no eido da xestión

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 01/07/2020

Iván Area, profesor do Departamento de Matemática Aplicada II na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, acaba de ser nomeado novo director de Avaliación do Profesorado da Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación (ANECA). Con este nomeamento, continúa a súa traxectoria no eido da xestión e deixa por un tempo a docencia universitaria. 

A Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación é un organismo autónomo, adscrito ao Ministerio de Universidades, que ten como obxectivo contribuír á mellora da calidade do sistema de educación superior mediante a avaliación, certificación e acreditación do sistema universitario español coa finalidade da súa mellora continua e adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior. O posto que pasa a ocupar Iván Area é froito dunha convocatoria pública para cubrir, polo procedemento de libre designación, varios postos de traballo na ANECA. 

Como director de Avaliación do Profesorado, Iván Area sinala que “as miñas responsabilidades son as do director da División de Profesorado da ANECA. Desta división dependen, por exemplo, o Programa Academia de acreditación aos corpos de funcionarias/os; o Programa PEP de acreditación a outras figuras de profesorado, e os sexenios e os sexenios de transferencia, por citar algúns exemplos”. Ademais, engade, “tamén ten responsabilidade sobre o proceso de avaliación da Convocatoria FPU”. “En xeral son programas moi afianzados e cunha enorme repercusión sobre o profesorado actual e futuro do sistema universitario”, destaca Iván Area.

Á hora de asumir este posto, Iván Area sinala como “unha das cuestións máis complexas” foi ter que deixar a docencia por un tempo. “Trátase dun posto que require dedicación a tempo completo, eu diría que a dous tempos completos pola enorme cantidade de traballo que supón”, afirma o profesor. Desde un punto de vista técnico, apunta, “deixarei de ser funcionario da Universidade de Vigo, pasando en servizos especiais a ser funcionario da ANECA”.

Dilatada traxectoria en xestión, docencia e investigación

Sobre este paso na súa traxectoria profesional, Iván Area comenta como “o profesorado universitario desenvolve distintas facetas”. Por unha banda, detalla, está a docencia, “que é algo que me entusiasma”. Por outra, indica, está “a investigación e/ou a transferencia, que é outro tema que me encanta, tanto en investigación básica como en temas máis aplicados como foi toda a previsión que fixemos da expansión da covid-19 en Galicia”. A estas dúas facetas engade “a parte de xestión na que se enmarca este nomeamento e na que teño experiencias previas a nivel universitario”. 

Nado en Ourense en 1971, Iván Area é licenciado en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Vigo. Ten recoñecidos tres sexenios de investigación, publicado máis de 90 artigos en revistas científicas internacionais de impacto e pertence ou pertenceu a diversos comités científicos de revistas JCR. No eido docente ten recoñecidos catro quinquenios docentes, centrándose a súa actividade en distintas escolas de enxeñarías e ten dirixido tres teses de doutoramento,entre outros méritos. No campo da xestión, Iván Area foi subdirector tanto da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (2003-2004) como a de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (2016-2018); Vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo (2006-2010) e delegado do Reitor na Comisión Interuniversitaria de Galicia (2018-2020). Tamén traballou en tarefas de xestión en organismos internacionais como o Centro Internacional de Matemáticas Puras e Aplicadas, centro UNESCO de categoría 2 que ten por cometido a promoción das matemáticas nos países en desenvolvemento, do que foi secretario xeral (2017-2020).