DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade, Amtega e Retegal asinaron este martes un convenio de colaboración

O Laboratorio 5G convértese nun espazo de innovación aberta

O obxectivo é facilitar a creación de novas solucións baseadas nesta tecnoloxía

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • TIC
  • Institucional
M. Del Río DUVI 03/03/2020

O Laboratorio 5G da Universidade de Vigo, situado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, converterase dende hoxe nun espazo de innovación aberta, un ecosistema dixital de teste das tecnoloxías destas comunicacións avanzadas sen fíos, sensorización para realizar probas e simulación, tanto de posibles solucións, servizos ou equipamento baseado nesta tecnoloxía avanzada sen fíos. Este é o obxectivo do convenio de colaboración asinado na mañá deste martes en Vigo entre o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director xerente de Retegal, Miguel Rodríguez. 

Este laboratorio 5G ofrece, por unha banda, equipamento específico para este tipo de probas así como o asesoramento de expertos nesta tecnoloxía da Universidade de Vigo. Esta iniciativa enmárcase nas actuacións do Nodo 5G, impulsado pola Xunta a través do Plan Galicia 5G, e ao que se adheriu a Universidade de Vigo en 2019, e do que tamén forman parte os operadores Telefónica, Vodafone e R e co que tamén colabora o Observatorio Nacional do 5G. Con este convenio a universidade olívica e a Xunta danlle continuidade á colaboración iniciada coa posta en marcha do Curso de Especialista Universitario en 5G que celebrou a súa primeira edición en 2019.

Abertos á contorna

O Laboratorio 5G naceu como unha instalación de investigación que, ao mesmo tempo, dea soporte as colaboracións co tecido produtivo, como poden ser operadores de telefonía móbil ou xestores de infraestruturas de telecomunicación. Neste sentido, o director do laboratorio, o investigador do Departamento de Enxeñaría Telemática Felipe Gil, lembra que o centro de investigación atlanTTic conta con especialistas que levan varios anos traballando no eido do 5G. “Temos equipamento e experiencia e interésanos poñelo ao servizo da contorna que nos rodea, de empresas e institucións que queiran colaborar coa Universidade, é o que damos en chamar a innovación aberta, un espazo de transferencia no que poder sacar partido dos coñecementos que hai na UVigo”. Non se trata, remarca, “de que empresas e organismos se limiten a empregar as nosas instalacións”, senón que o que se busca e xerar sinerxías, colaborar en proxectos e abrir novas áreas de investigación en liña coas necesidades do tecido empresarial da contorna.

Nodo de Cooperación 5G

O Nodo de Cooperación 5G concibiuse como punto de encontro entre desenvolvedores e demandantes de solucións desta tecnoloxía para actuar como concentrador dos retos derivados das demandas do mercado e as capacidades das empresas do ecosistema 5 G de Galicia. A Universidade adheriuse a este nodo como entidade integrante do ecosistema 5G de Galicia, especialmente na súa faceta académica e formadora e no seu rol de investigadora no ámbito das 5G, a través dos seus grupos de investigación. E é que a creación do nodo é unha das medidas do Plan5G Galicia para situar a comunidade como territorio preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas en 5G e facilitar que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesaria para desenvolver posibles casos de uso se localice na comunidade. Así, este posicionamento de Galicia no 5G contribuíu a que se estean a desenvolver 17 pilotos de 5G repartidos nas sete grandes cidades en ámbitos de especial interese como a sanidade, a loita contra os incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo a educación e o audiovisual. 

O Laboratorio 5G, un espazo de teste e simulación

O obxectivo do convenio asinado este martes é fomentar o uso de tecnoloxías de comunicación avanzadas e sen fíos, empregando o Laboratorio 5G como espazo de teste e simulación para aqueles proxectos máis relevantes neste ámbito e dentro de Galicia, un espazo dinámico de traballo orientado a que os axentes que así o desexen poidan realizar medicións así como probas de funcionamento e operación das solucións innovadoras que se desenvolvan no ámbito das tecnoloxías sen fíos.

A actividade centrarase na realización de probas de equipamento así como para o desenvolvemento de novos servizos a partir do esforzo conxunto de fabricantes, operadores e desenvolvedores de software que permita simular diferentes condicións de funcionamento e operación. Deste xeito, tratarase de promover un espazo de colaboración innovador ligado ás tecnoloxías sen fíos; fomentar o coñecemento dun espazo de teste real, no que calquera organismo ou empresa poida participar activamente; simular diferentes condicións de funcionamento e operación coa obtención de medicións das probas a realizar sobre futuros desenvolvementos de redes sen fíos e colaborar cos eventuais Nodos das diferentes tecnoloxías para promocionar o desenvolvemento de novos servizos a partir do esforzo conxunto de fabricantes, operadores e desenvolvedores de software nacionais e internacionais, incluso co fomento de iniciativas a resolver no ámbito das devanditas tecnoloxías.